Premio Insua dos Poetas para a ceense Concha Blanco

P. B. M. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCÍA

A escritora viaxará hoxe ata O Carballiño para recibir este galardónna modalidade Creación Literaria

31 jul 2023 . Actualizado a las 19:15 h.

A Fundación Insua dos Poetas celebra hoxe no paraxe de Esgueva, en Madarnás, O Carballiño, a 15.ª edición da Festa da Palabra, desta volta dedicada ao profesor e editor Arcadio López-Casanova. O encontro terá cando menos dúas conexións coa comarca, unha delas da man da autora ceense Concha Blanco, en tanto que ela foi a merecedora dun dos setes premios anuais, noutras tantas modalidades, concedidos pola fundación organizadora, que preside Luís González Tosar. «Unha sorpresa total», dicía onte Blanco.

O xurado elixiuna por unanimidade para o Premio Insua dos Poetas 2023 á Creación Literaria, recoñecemento a unha traxectoria amplísima na que Concha ten artellado, e ségueo facendo, liñas para todos os públicos. A ceense recibirá un galardón consistente nunha peza orixinal do escultor ourensán Acisclo Manzano: velaí a outra conexión coa Costa da Morte, pois Manzano é o autor do monumento dedicado ao pan en Carballo. Será a de hoxe unha xornada de celebración na que tamén se desvelará instalación pictórica de Antón Pulido e actuarán Aurum Ensemble e Airiños de Candelas: ás 11.30 horas.