Penalidades

santipazos
santipazos O ABELLÓN

CARBALLO

BASILIO BELLO

04 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Con ese desdén irredento tan característico que transmitía nos seus artigos, Javier Marías dicía que xa sabía que a vida estaba chea de penalidades e que non precisaba que tantos autores quixeran escribir un libro para contar as súas con todo tipo de detalle. Consideraba, ademais, que esta era unha patoloxía narcisista. E algo de razón tiña. Ese val de lágrimas ao que nacemos condenados, segundo algunha relixión, non deixa de ser unha especie de profiláctico espiritual de autocontrol vital. E a literatura tamén está chea, discrepando coa queixa dese autor, de Sagas calamitosas estupendas, entre outras, a narrativa rusa.

Mais eu que son unha persoa vitalista, aínda que non optimista de salón, penso que para eses escritores de experiencias desastrosas, contarnos a súa vida debe ser unha especie de redención curadora existencial. Outra cousa é que cada caso concreto teña un valor que poidamos extrapolar á xeneralidade da humanidade. Se pola contra está mal escrito, mellor será non tocalo. Xa non digo nada dos denominados libros de autoaxuda. Para que insistir, o de chorar as penas na barra dun bar non vai comigo, prefiro outro tipo de relación máis divertida. Pero tamén é certo que non podemos vivir de costas aos acontecementos adversos que sofre a xente que nos rodea. Aínda que sexa por egoísmo. Hoxe por ti e mañá por min. Penso agora, por exemplo, nos recortes do colexio San Luís Romero, na loita dos oleiros de Buño contra quen debera protexelos e promocionalos, na incruenta violencia de xénero, etc. A lista, de contar con máis espazo, puidera ser interminable. Xa ven, como estamos no verán, pensaba escribir unha columna refrescante, pero non me sae. Quizais a próxima...