Estamos ante un problema de resistencia das bacterias, provocado polo abuso dos fármacos en humanos e animais ou pola propia evolución dos axentes bacterianos
21 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Pensei moitas veces en escribir este artigo. Din os vellos, como xa comentei noutrora, que todos nacemos cunha estrela que nos di como vimos e a forma na que deixamos este mundo. Son das que pensa que non hai morte doce algunha, porque tal substantivo non pode levar unha connotación así. Gustaríame falar hoxe da sepse, un padecemento que a poucos lle soará pero que causa segundo estimacións uns 50.000 casos ao ano no noso país. Deste espectro, pénsase que mata ao redor de 17.000 persoas. As infeccións bacterianas que moitas veces pasan inadvertidas ata última instancia poden causar unha reacción en cadea nos nosos corpos ata que fallen os órganos. Hai protocolo de sepse no Servizo Galego de Saúde pero aínda así é frecuente que se actúe tarde, non por inxerencia, senón máis ben porque ten síntomas comúns a outras doenzas.
Existe un descontrol total en torno aos patóxenos bacterianos. Estamos ante un problema de resistencia das bacterias, provocado polo abuso dos fármacos en humanos e animais ou pola propia evolución dos axentes bacterianos. O que si é un feito, é que quizais non nos extingamos presumiblemente por un meteorito que nos fenda coma os dinosauros ou por unha chegada masiva de vida externa á Terra. O máis posible é que a próxima pandemia sexa causada por estes bechiños diminutos. Que importante, logo, coidar a aqueles máis vulnerables, aplicar de maneira profiláctica nas primeiras horas antibióticos ou facer un uso responsable e xusto dos mesmos, que non son destinados a gripes ou catarros. Quizais o da estrela, sexa só iso, un conto de vellos. Por iso, prefiro crer que o mellor son as mans de quen nos coidan, ben sexa para alongar a vida ou arrebatarnos a dor.