Barahúnda: «Quixemos honrar a todas aquelas mulleres que foron silenciadas»

Gisela Fernández / a. l. RIBEIRA / LA VOZ

CARBALLO

Nell

O dúo formado por Helena Alonso e Jose Lara Gruñeiro acaba de publicar o seu novo libro-disco, «Fremosas»

01 sep 2023 . Actualizado a las 07:45 h.

No panorama musical semella que hoxe existen poucos grupos ou artistas que se aventuren a facer melodías inspiradas no mundo antigo ou nas súas raíces. A pesar disto, hai un conxunto na comarca barbanzá que sente verdadeira paixón e ilusión por explorar eses ritmos: Barahúnda.

Helena de Alfonso e Jose Lara Gruñeiro naceron en Madrid, e é alí onde comeza a súa historia. Ao principio, no caso del, vía a música como unha afección. Sempre tocou a guitarra, pero tiña a mirada posta máis ben no mundo literario para ser escritor, aínda que finalmente abandonou esa idea. Por outra banda, ela si que tiña claro que, fose como fose, quería intentar ser artista: «Eu levo cantando toda a miña vida. Non dubidei en ningún momento de que este ía ser o meu futuro», asegura.

Tras coñecerse, decidiron unirse e dar lugar así a Barahúnda, que naceu no 1998: «A idea de formar o grupo foi miña. Contaba con experiencia por estar noutras bandas anteriormente, pero quería crear un proxecto propio. Tíñamos o espírito de facer un conxunto de folk e da península ibérica. Así pois, ao final, conseguimos sacar á luz a Barahúnda», explica Helena de Alfonso.

Fan principalmente música folk, pero apostando por ritmos ibéricos, nas cantigas galego-portuguesas, nas jarchas mozárabes... Desta maneira, á hora de facer as súas composicións e proxectos, tratan tres culturas distintas: a cristiá, a xudeu e a árabe. Todo o que conforman ten un estilo persoal, elegante, orixinal e incluso conmovedor.

A súa primeira canción foi unha cantiga musicalizada dun xeito persoal. Con isto conseguiron recuperar elementos do folk medieval e adaptalos a un estilo propio e diferente. Con todo, Barahúnda leva en pé preto de 25 anos, e ao longo de toda a súa carreira musical realizou varios proxectos. Os dous primeiros viron a luz en Madrid, pero os seguintes déronse en Galicia, xa que no 2010 trasladáronse definitivamente ao municipio barbancés de Rianxo.

Un quinto proxecto

Actualmente acaban de publicar a súa quinta produción, o libro-disco Fremosas. Este proxecto é totalmente distinto aos demais, xa que é a primeira vez que fan algo así. Iniciárono en tempos de pandemia cun propósito claro: «Cada vez que facíamos un concerto, a xente compraba os nosos discos, pero non tiñan como escoitalos, e isto dábanos mágoa. Por isto decidimos facer un libro que reúne todas as cantigas que fomos facendo e tamén as máis recentes, acompañadas cunha explicación e un código QR para poder escoitalas online», explican. Ademais, tamén engaden información sobre os distintos trobadores que crearon as cantigas que mostran.

O título desta obra, Fremosas, significa fermosas, e segundo afirman Helena de Alfonso e Jose Lara, é unha reivindicación feminista: «Démonos conta de que non hai ningunha cantiga firmada por unha muller. A pesar disto, hai moitas que teñen elementos que nos fan pensar que foron escritas por elas. Por iso quixemos facer honra a todas aquelas mulleres que foron silenciadas». Así pois, trátase dun proxecto completo que engloba distintos elementos moi significativos.

Despois de tantos anos, grazas ao esforzo e á paixón que este dúo sente pola música, conseguiron formalizar unha traxectoria profesional moi íntegra. Con isto esperan seguir adiante con Barahúnda dando lugar a novas cancións e composicións sen abandonar en ningún momento o que a eles lles gusta: «Seguiremos facendo folk, pero ademais, o que máis buscamos agora mesmo é que Fremosas se expanda e a xente o poida ler e gozar da nosa música», aseguran os integrantes de Barahúnda.