Un percorrido polas cadeiras esquecidas no ocaso

Xosé Ameixeiras
A. Lavandeira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A. LAVANDEIRA

Crónica | A viaxe de 70 mestres polos espazos vitais e literarios de Miro Villar, en Cee

25 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Fun acordar do encontro con notorio retraso atopando as cadeiras esquecidas no ocaso». Son versos de Miro Villar, que o sábado capitaneou unha profunda incursión polos lugares que inspiraron a súa poesía e a súa vida en Cee e entorno e na que participaron uns 70 profesores. A iniciativa foi levada a cabo polo Centro Autonómico de Formación e Innovación e tivo, en gran medida, aspecto de homenaxe ao poeta e ao seu círculo vital. «Roteiro polos espazos vitais de Miro Villar», era o título da convocatoria

Arrincou a xeira no auditorio Baldomero Cores cunha recepción por parte da alcaldesa, Margarita Lamela, que fixo un resumo polo percorrido literario do vate. «Un dos nosos escritores máis sobranceiros», dixo. Como adiantou, os visitantes tiveron a oportunidade de facer un «achegamento a moitos deses recunchos especiais» que inspiraron ao intelectual ceense.

Víctor Castiñeiras, técnico de Cultura do Concello de Cee, fixo, a continuación, un ameno percorrido pola historia do pobo. Unha pequena vila pesqueira na que o encaixe tivo moita forza, que acolleu aos fomentadores de pesca cataláns, que foi destruída polos franceses e que tivo en Fernando Blanco o piar do seu desenvolvemento cultural e acabou medrando enriba dunha xunqueira.

Foi o propio Miro quen deu conta do proceso que levou ó levantamento do Monumento ás Liberdades (de Álvaro de la Vega), que tivo o precedente nunha homenaxe do Batallón Literario a Pedro Ozón, Norberto Recamán, Teófilo Mejuto, Florentino Canosa, Victoriano Blanco, José Lago, Perfecto Trasmonte, Jesús Chouza, Manuel García e Domingo López, sindicalistas de Carburos Metálicos fusilados no 36. Houbo en cada parada recital de poesías e referencias a feitos e acontecementos relativos á vida e obra do autor, quen lembrou á súa nai cuns versos do seu irmán Rafa: “Eu son de aquí, desta raíz de nogueira que fende o mar”. Seu pai morreu tendo o escritor pouco máis de dous anos. Atopou unha fotografía del como xogador de fútbol no arquivo de Ramón Caamaño. O grupo tamén puxo atención na escultura dedicada a Juan López, o médico de Toba.

A docería, a ferraxería, a vella casa do Concello e o cine España, onde de neno pasaba as tardes do domingo, serían outras referencias de Villar, antes de visitar o Museo da Fundación Fernando Blanco. Dirixiu Darío Areas o encontro cun dos maiores arsenais científicos e culturais que podía ter un instituto de finais do século XIX e principios do XX. Houbo paradas e recital tamén diante o Pazo do Cotón. A xornada matinal rematou no instituto Fernando Blanco, cunha visita guiada por Areas ao xardín botánico, con especial atención ao abeto grego máis grande de Galicia, un abeto do Cáucaso, un cedro do Atlas ou unha criptomeria.

O recordos do poeta ceense sobre o colectivo e os membros de Un Medio, o intercambio de novelas na barbaría de Manolo e as fecundas lecturas na biblioteca municipal gobernada por Ramón Senra estiveron moi presentes no paseo.

A xornada de tarde comezou na vella baleeira de Caneliñas, ese espazo desaproveitado que para Miro Villar esperta sentimentos encontrados, a loita pola defensa das baleas e a crise que levou o peche da factoría, que ben podería ser un museo, pero está abandonada. O mar lambía con suavidade as areas mentres os mestres admiraban o entorno maino da paisaxe. O cadoiro do Ézaro foi outro lugar de visita e recital que espertou a lembranzas do intento de salvar un espazo deteriorado polo embalse de Santa Uxía, onde «a fervenza do Xallas baixa louca con estrondo bradante de voz inxente e rouca».

En Corcubión, o escritor mergullouse no seu pasado laboral na vila e a súa relación con Darío Xohan Cabana, do que moito aprendeu, segundo recoñeceu. “El meteume o soneto no corpo”, afirmou. A capela do Pilar foi escenario de días de gloria do Batallón Literario. Dous dos seus membros, Modesto Fraga e Alexandre Nerium, acompañaron onte a Miro nos recordos e na poesía.

Ás sete da tarde, a tropa embarcou no María Elena, de Cruceros Fisterra, para percorrer a ría. Alexandre Nerium, atronou cos seus versos de mares revoltos e disertou sobre vellas historias de mariñeiros, co escandallo e co corno como elementos simbólicos dunha vida cargada de tradicións. Mentres, Miro ía provocando que os pasaxeiros recitasen os seus poemas de «Gameleiros» ao tempo que a bola incandescente do sol se mergullaba no Atlántico.