Cum laude

santipazos
santipazos O ABELLÓN

CARBALLO

PACO RODRÍGUEZ

27 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño visto con preocupación, e admiración, reportaxes na televisión de nenos que camiñan quilómetros por rutas inhóspitas para poder acudir á escola. En América latina, Asia ou África, despois de axudar na casa con algunha tarefa imprescindible, collen os cadernos, se os teñen, que non sempre é posible, e bótanse a andar. Nalgúns lugares danlle algo de comer alí, xa que nas casas moito non sobra, e de regreso, o mesmo suplicio. Sorpréndeme que cando son filmados sempre levan cara de content@s. Quero supoñer que cando os reporteiros marchan, seguirán coa mesma expresión de inxenua alegría. Dirán vostedes que vivindo no terceiro mundo, boa levan!

O curioso é que aquí, no primeiro mundo, mesmo en Galicia, pese a contar segundo afirman as estatísticas coa maior rede de transporte escolar de España, os que acabaron a ensinanza obrigatoria e queren seguir estudando sofren circunstancias ben parecidas (e dou por feito que noutras comunidades pasará outro tanto). Claro que se tiveramos liñas interurbanas, que se compadeceran razoablemente do noso territorio, o viacrucis turístico transiberiano educativo sería máis curto e menos canso. Alguén dicía que a est@s rapaces habería que darlles o aprobado só por asistir a clase. Eu engadiría o Cum Laude por non desistir no empeño de formarse, ou emigrar a lugares con situacións máis benignas. Por suposto que o problema do transporte afecta a máis sectores. Se non que llo pregunten ao poeta Modesto Fraga cando quere viaxar de Fisterra a Cee ou a Muxía, onde traballa. E agora que un fondo de inversións acaba de comprar a empresa Arriva estamos co corazón nun puño, xa que a confianza en que teñamos mellores servizos é nula. Pregunto eu se os responsables político administrativos nesta materia saben algo destas fazañas. Os que viaxan en coche oficial, de seguro que non.