Carmen Toba: «A cera está presente entre nós na nosa bisbarra dende o nacemento ata a morte»

Xosé Ameixeiras
A. Lavandeira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Presentará mañá o seu libro, «A cultura do mel na Costa da Morte», en Vimianzo acompaña por Carlos Fernández, Rafael Quintiá e Mónica Rodríguez

13 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Carmen Toba Trillo probou un día o doce de investigar sobre o mel e xa non deixou de mergullarse no mundo das abellas. Incansable rastreadora de montes, camiños, prados e aldeas, algunhas xa abandonadas, acaba de sacar do prelo un libro de rescate dun mundo case esquecido entre toxos e silveiras: A cultura do mel na Costa da Morte. É o seu libro, que presentará mañá no Concello de Vimianzo, acompañada por Carlos Fernández Coto, presidente da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural (Apatrigal); Rafael Quintiá Pereira, antropólogo e responsable da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), editora do volume, e a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez Ordónez. Será ás oito da tarde na Casa da Cultura da capital soneirá.

Socia fundadora de Apatrigal, a muxiá Toba Trillo, quere rescatar co seu libro o pouso que deixou a apicultura tradicional na bisbarra. Comeza recollendo o rastro do mel na historia, na arqueoloxía, nas investigacións científicas ou na bibliografía. «Os nosos castrexos xa facían bebida con hidromel», relata. Os romanos introduciron o traballo con colmeas, engade.

Non só o doce das abellas era o froito da cobiza das xentes de antano, senón tamén o outro produto das alvarizas. «A cera está presente entre nós na nosa bisbarra dende o nacemento ata a morte», afirma a investigadora. «Prendíase unha vela para o parto, aos santos, nos bautizos, nos casamentos, nas treboadas, nos enterros», abunda na súa reflexión. «Incluso é mostra de agoiro: se a alguén lle cheiraba a cera ardida nun lugar onde ninguén máis a cheiraba, era preludio de morte», lembra.

A toponimia foi unha das principais guías para atopar algunha das 80 alvarizas na Costa da Morte que localizou, a principal para ela é a de Lucas, no monte Faro de Vimianzo, a catedral das alvarizas, chega a dicir.

Conta como Benigno Ledo, o cura das abellas en Chantada, introduciu as colmeas modernas. Ou como o Código Civil, seguindo o sentido da normativa xa do dereito romano, trata o dominio dos enxames de abellas cando se desprazan dun lugar a outro.

A tipoloxía das alvarizas é outro dos aspectos da súa publicación. Adoitan aparecer en toda Europa Occidental, pero non son iguais nun lugares ca noutros. Hai moitas semellanzas, conta, entre as galegas e as irlandesas. Aínda así hai diferenzas. Hai moitas variedades de produción en apiarios: lacenas, ocos nas paredes con cortizos, lineais de lousa, peches circulares con lousas que resgardan a colmea ou sen nada, e construcións illadas estáticas no mesmo lugar durante moito tempo. E logo están os lagares, dos que xa hai constancia deles dende o século XVII.

Pero non só se limita Carme Toba ós espazos e incluso ás ferramentas tradicionais. Tamén abunda nas testemuñas. Así, faille oco ás anécdotas de como operaban os castradores de abellas e os cereiros. Recolle a historia dun taberneiro da Ponte do Porto que tamén tiña abellas, sacaba as moas na feira e facía labores de carpinteiro de ribeira. Ou a de Cayetano Ramos, o cereiro de Berdeogas, e o de Sarteguas. Xentes populares que xa non viven. «Quixen darlle visibilidade á xente das aldeas que andaba arredor do mel e da cera», argumenta Toba. Incluso respecta a súa dicción.

Lembra a autora do libro que sempre houbo «unha simbiose entre a nosa xente e o mundo das abellas». Estaban nas casas, nos camiños, nas eiras, nos prados, en todos os lugares, en fin.