Ángeles Vázquez: «Nada ten que ver a concienciación de hai 25 anos coa da actualidade»

Antón Lestón Lago
Antón Lestón CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Salvador Sas | EFE

Volve o programa Ecovoz. Vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, ela foi a primeira entrevistada nesta nova edición do programa

29 ene 2024 . Actualizado a las 21:08 h.

Radio Voz deu por iniciada este pasado venres a 25.ª edición de Ecovoz, o programa patrocinado por Sogama e que leva xa un cuarto de século difundindo unha mensaxe concienciadora sobre a necesidade de coidar o medio ambiente. Unha precisa reflexión á que nos últimos anos sempre se une a actual vicepresidenta segunda da Xunta de Galicia e conselleira de Medio ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez Mejuto.

—Antes de entrar na política tivo experiencia nos medios de comunicación. Como valora os 25 anos de Ecovoz?

—O mérito é moito porque non é doado ter xente que che siga continuamente durante tantos anos. Pero sobre todo polo labor que fai este programa. Un labor en voz alta e, á vez, silencioso, que se está a levar a cabo en moitos eidos e co claro obxectivo de concienciar aos máis novos da importancia de preservar a nosa contorna. É unha tarefa educativa que chega aos fogares, os verdadeiros embaixadores medio ambientais. Teño que agradecer ese tremendo esforzo.

—Son os máis pequenos a principal esperanza para o cambio?

—Si, porque os rapaces de hoxe serán os que tomen a decisión da mañá, polo que os valores que lles apliquemos serán os que vaian practicando de modo paulatino. É un traballo da comunidade, ao completo, porque coidar o medio ambiente é coidar a nosa saúde.

—Observou moita evolución neste eido na súa traxectoria política?

—Aí están os datos, que nos teñen que facer sentir moi orgullosos. Nada ten que ver a concienciación de hai 25 anos coa da actualidade. Por exemplo, a case ningún cativo se lle ocorre hoxe en día tirar o envoltorio do chicle ou unha botella de plástico na rúa. O cambio foi tremendo, propiciado polos servizos que se puxeron dende os Concellos. De ter un só contedor, a ter ata cinco preto dos nosos fogares e ver os resultados desa reciclaxe. E máis que nunca, este ano temos que incidir no contedor marrón, no que vai o desperdicio alimentario, que temos que procurar que cada vez sexa menor, pero que resulta nun compost fértil e de calidade que remata nas nosas hortas para crear eses sabores únicos que dá a nosa terra galega.

—Cales diría que foron as políticas máis relevantes por parte da Xunta nesta última lexislatura?

—Teño que poñer en valor o firme compromiso pola compostaxe doméstica. Xa acadamos 459 entidades adheridas, repartindo un total duns 1.300 composteiros. Levabamos anos preparándonos para este momento e agora damos outro salto, que é ese quinto contedor. Ademais, aumentou moito a concienciación. Temos que loitar, iso si, contra o plástico. Debemos ser moi precavidos e utilizar plásticos reutilizables, porque do contrario teremos os nosos ríos e os nosos mares cheos dese lixo.

—Para iso faise imprescindible unha empresa como Sogama.

—Efectivamente. Está sendo un referente autonómico, nacional e europeo. Grazas a Sogama fomos quen de evitar tódolos vertedoiros que tiñamos nos 313 concellos de Galicia. É unha planta que gañou en eficiencia e que é das máis modernas, pero segue investindo e pretende educar e informar todo o que poida.