Xose Manuel Varela: «Labarta Pose abrirá novos lectores en galego»

P. BLANCO / F. RODRÍGUEZ CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Vén de publicarse, coa editorial Galaxia, unha fresca antoloxía con 40 poemas do baiés. Xosé Manuel Varela é un dos responsables da edición

09 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Case a cabalo entre finais do 2023 e comezos deste 2024 saía do prelo, da man da editorial Galaxia e do Concello de Zas, unha antoloxía de Enrique Labarta Pose (Baio, 1863-Barcelona, 1925). Da edición desta obra encargáronse Chema Rei Lema e o filólogo Xosé Manuel Varela. Falou este último en Radio Voz:

—Unha antoloxía, unha ruta, unha web, unha exposición que agora mesmo está na Universidade de Santiago... Semella que están a correr bos tempos para Labarta Pose.

—Si. Tras a súa morte sempre houbo algún acto. No 28 a inauguración da praza. Nos 50 unha homenaxe no barrio de Gracia. Ao longo do XX fóronse rescatando obras, e agora pois si, parece ser a maior concentración de actos en torno a el en tan pouco tempo. Aí están tamén unhas xornadas levadas a cabo o ano pasado, nas que precisamente foi proposta de Miro Villar sacar a antoloxía nunha edición accesible ao público, poñelo nas súas mans.

—Son 40 poemas en lingua galega. Como foi a escolla?

—A obra axéitase á colección na que está publicada, Letras Galegas Clásicos, de Galaxia. Hai dous aspectos novidosos. Por un lado, a biografía de Labarta máis actualizada: quen fora lendo biografías dende os 90 vai atopar trazos novos. Por outro, a interpretación estética dos poemas, nunca se fixera. Entre os 40 que se inclúen, hai algúns que nunca estiveran recollidos en libros, ou algún fragmentario que estaba en libro, como Que me enterren aló, do que non se conseguira a edición completa. Están clásicos como Pobre gaiteiro de Baio, A festa da patrona de Tabeirón ou Revista dunha corrida ¿de touros? [este último sitúase na Barbanza]. Ou outros pouco coñecidos, pero sublimes, como Morreu o poeta, escrito no día da morte de Curros. É un libro fresco para os lectores, en certo modo innovador na revisión biográfica, estética e colleita de poemas.

—Algunha presentación xa?

—A primeira está reservada a Baio, o último sábado de febreiro. Logo imaxino que se fará unha tournée por distintos sitios, para que a memoria estea presente en todos os lugares antes de xuño, que é cando a Academia elixirá o autor das Letras do 2025.

—Como está indo a acollida?

—Como anécdota, teño un compañeiro laboral ao que lle agasallei un exemplar. Vai e vén ata A Coruña dende Sada, en bus, e ese día foino lendo cara a casa. En canto chegou, como a súa nai é de Baio, xa lle arramplou co libro [ri]. Non deixa de ser un libro desexado, accesible, sen aparato crítico.

—Humor satírico, denuncia social, intimismo... Semella que Labarta trataba un pouco todo.

—Si, era o obxectivo da obra. Desbotar o brillo do poeta humorístico e incidir noutros temas ou tons, que estaban pasando desapercibidos. Véxase ese poema na defensa das mulleres. Ou outro sobre o choque diglósico das linguas. Son facianas novas de Labarta que é necesario poñer enriba da mesa para valoralo na súa xusta medida.

—Vostede fixera a súa tesina de licenciatura sobre a poesía de Labarta. Que lle chamara daquela a atención do autor?

—O meu profesor director de tesa, Xosé María Dobarro, convidoume a escoller un autor da comarca. Pondal xa o tiña Manuel Ferreiro, escollín entón a Labarta. Un autor do XIX, pouco estudado, próximo xeograficamente a min, que son malpicán. Foi a partir de aí que empezamos a divulgar a figura deste autor. Volve agora a luz á poesía, e a ver se antes das Letras damos sacado o sainete Unha boa misa, outra cara descoñecida del, o aspecto teatral e en galego. Despois, tamén unha edición de contos, nesta liña de antoloxía: con iso estaría rescatado no século XXI, cen anos despois da súa morte, toda a literatura galega de Labarta Pose.

—Cambiou a súa visión do autor dende aquela tesina?

—Totalmente. O día que se lle dediquen as Letras non se lle dedicarán só a un escritor, senón a unha figura moi completa dende o punto de vista cultural e social.

—Xa o dá por feito?

—No 2025 cumpriranse 100 anos da morte, é unha ocasión espléndida e irrexeitable. Varrendo para a casa, hai xa tempo que a Costa da Morte non ten un autor das Letras, tócalle estar nese escenario. O último foi López Abente. Non houbo Letras para eses autores emigrados, en Cataluña. Tócalle por moitos motivos, sinalando tamén a importancia do movemento social que se xerou arredor da proposta de Labarta, e que a Academia debe ver en positivo. Labarta é un autor de lingua de toque popular, vai ser moi próximo a neolectores, abrirá novos lectores en galego.

—Cal diría que é a importancia de Labarta para a literatura galega? Logo están outras cuestións: introdución da fotografía en prensa, do fonógrafo en Galicia...

—Destacaría a faceta de editor, nas súas revistas publicaba todo o mundo, ata Eduardo Pondal! Nese finais do XIX, publicar un libro non era coma hoxe, el abríalle as súas páxinas a Curros, Valle Inclán, Pardo Bazán... Foi dinamizador da cultura, non só da literatura, e iso é importante. Tamén en Cataluña se implicaba na colectividade galega, poñíalle lume ás cousas para que tivesen vida.

—Que Labarta pesou máis?

—Ao longo do tempo, o poeta, iso está claro. Aí están tamén os seus contos, moi representables, como O tío Miseria, o teatro, o xornalismo, a fotografía..., pero o seu recoñecemento foi como poeta.