Todo o que cambiou dende antonte

ANA CASAIS

CARBALLO

ANA GARCÍA

Escribe Ana Casais, de Olveiroa | Na casa sempre escoitei falar da importancia de formarse, de valerse por unha mesma

18 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Lémbroo ben. Como non o vou lembrar se ocorreu antonte?

Ademais dunha fonda e longa tristura, o pasamento do meu pai deixou por sempre un eco na miña cabeza e na dos meus: «Mirade por que as nenas estuden».

Na casa, desde sempre, escoitei falar da importancia de formarse, de ser autónoma, de valerse por unha mesma.

Na comida familiar de Nadal na casa dos meus avós de Baíñas, a dos Campelos, tiñamos instaurado como parte do ritual da xuntanza amosar as notas do colexio. Celebrabámolas despois do discurso do meu avó José, muiñeiro el, sobre a importancia dos estudos. A súa retórica incluía sempre a historia do seu tío Xacobe, «posuidor de moitos libros». Retornado da Arxentina, moitos rapaces da parroquia aprenderan a ler, escribir e tamén as «catro regras» co tío Xacobe.

Antonte, as cousas non eran como son hoxe. Olveiroa (Dumbría) era unha pequena aldea, chea de rapazada e baleira deses servizos que agora temos ao noso alcance como algo cotiá.

A miña casa era unha típica e enxebre taberna do rural galego. A miña avoa Benigna, unha cociñeira autodidacta, tiña encomendada esa tarefa desde os seis ou sete anos. Bos cocidos, caldeiradas de lamber os dedos, coellos, perdices… e troitas, moitas troitas do río Xallas, e tamén do Beba. As das pinchiñas vermellas, as que mellor sabían.

ANA GARCÍA

Daquela, as nenas e os nenos axudabamos nos traballos da casa, así que a miña irmá e máis eu serviamos as mesas do comedor e tamén no mostrador. A barra estaba alta para a nosa estatura, polo que era preciso usar caixas de refrescos a modo de banzos.

No medio de toda a clientela local, contábanse media ducia de peregrinos en todo o ano. E case todos pasaban pola nosa casa, comendo unha boa cunca de caldo, convidados polo meu avó Francisco. Hoxe son milleiros os que pasan por Olveiroa.

Antonte, non tiñamos bibliotecas, nin aulas de informática, nin nos levaban ao teatro, ou ver un mago, nin xogabamos noutro equipo que non fose o que formabamos no colexio ou cos veciños do lugar.

As cousas mudaron por aquí coma da noite ao día.

A miña avoa de Baíñas, María, que faleceu hai uns días con 96 anos, lía todos os días ata hai pouco máis dun ano. Desde a súa xubilación non faltaban nunca un par de xornais e algunha pasaxe da súa desgastada biblia despois do almorzo. De nena e de moza non tivera tempo, nin sequera puido ir moito á escola. Quedara orfa ben pequeniña e tiña que traballar, pero compensouno con creces na súa vellez. Quen lle dera, sendo cativa, ter tido acceso a unha biblioteca chea de libros!

Como técnica de Cultura do meu concello, levo case vinte anos vendo pasar xeracións de nenos e nenas polas cinco (!) bibliotecas municipais. Hoxe, si teñen libros, ordenadores e moita información; e sen necesidade de desprazarse a ningunha vila ou cidade.

O tempo pasa rápido. Un día atópaste con que a rapazada que viña coller libros dos estantes de primeiros lectores son xa médicos, farmacéuticos, mestres, doutores en química, avogados, ou gandeiros que dirixen algunhas das instalacións máis modernas de Europa… Son xente formada, que loita polo seu futuro cada día, orgullosos de naceren e criárense no rural.

Moitos deles lembran con cariño e nostalxia algunhas anécdotas vividas nas bibliotecas municipais. Lembran as partidas de damas e parchís, as competicións ao «tutti frutti», as dúbidas coas matemáticas, os veráns no Conco...

E eu lémbroos a todos e cada un deles. Sinto orgullo de coñecelos e tratalos. Son feliz de pertencer aos seus recordos de nenez e mocidade nas nosas casas culturais. E alégrame cando entran para saudar e contar como lles vai.

ANA GARCÍA

Hoxe, a rapazada dumbriesa pode desfrutar do teatro, da maxia, da música, dos libros, da ciencia, ou mesmo da robótica, sen saír do concello.

Por iso, cada día, animo os pais e nais veciños a que aproveiten o que temos, que participen activamente na vida cultural municipal; que lles dean aos seus fillos a oportunidade de gozar do saber e das artes; que constrúan para eles alicerces no desenvolvemento intelectual e na vivencia de experiencias enriquecedoras. En definitiva, que valoren as oportunidades das que moitos non dispuxemos.

Hoxe, Papá, saberás que, grazas ao esforzo e sacrificio de Mamá para cumprir co teu mandado, as túas nenas estudaron. E saberás, tamén, que ese segue sendo o consello que eu mesma lles dou a todas as nenas e nenos de Dumbría que vexo pasar polas nosas bibliotecas: que estuden, que se formen, porque o saber danos liberdade.

DNI

Ana María Casais Trillo. Nacida en Olveiroa (Dumbría) no ano 1977, formouse en Maxisterio e Pedagoxía. Dende o 2005 traballa como técnica de Cultura no Concello de Dumbría, onde é ademais a responsable das súas bibliotecas, nada menos que cinco: en O Ézaro, Olveira, Dumbría, Berdeogas e Buxantes, todas elas, por certo, incluídas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia (RBPG), algo realmente insólito para un concello rural como é o dumbriés, e que non chega aos 3.000 veciños. Nunha entrevista recente, Casais incidía no «privilexio» que sente ao traballar neste eido, cunha rede de infraestruturas importantes e nun municipio cunha aposta clara pola cultura.