Refugallos

santipazos
santipazos O ABELLÓN

CARBALLO

ALBERTO LÓPEZ

05 abr 2024 . Actualizado a las 11:06 h.

As alarmas medioambientais pola instalación dunha celulosa na ribeira do Ulla lucense, coas beizóns da Xunta de Galicia e financiada con subvencións públicas, están totalmente xustificadas se temos en conta os efectos contaminantes da que xa temos en Pontevedra e pola invasión do eucalipto que está acabando coa riqueza forestal autóctona. Hipocrisías consumistas e dependencias enerxéticas aparte, a Unión Europea é bastante esixente no cumprimento dos protocolos contra o cambio climático e a defensa da sustentabilidade.

O problema xurde cando os proxectos empresariais aceptan as normas lexislativas vixentes e logo élles máis económico pagar as multas que ser legais. Por exemplo, unha gran empresa enerxética española aparece hoxe entre as maiores emisoras de CO2 do mundo. Obviamente temos todo dereito a reivindicar respecto polo noso espazo natural. Faltaría máis! O que non se pode aceptar é consumir desmesuradamente porque vivimos no chamado primeiro mundo e mandar as industrias perigosas e os refugallos a África como facemos cos detritos de móbiles, ordenadores, todo tipo de electrodomésticos e roupa usada. E dicir, a reciclaxe e respecto pola natureza debera comezar pola propia casa. As consecuencias colaterais do «progreso industrial» son de sobra coñecidas e os efectos climáticos da sobreprodución tamén. Estamos moi mal acostumados. Queremos enerxías limpas, pero non que poñan eses armatostes con aspas nos nosos montes. Tamén é certo que un chisco de racionalidade e sensibilidade paisaxística, nese ámbito, non estaría mal. Teño que recoñecer que eu vivo nunha contradición, estou en contra desa celulosa, pero gasto demasiado papel. E iso que fago como Antonio Gala, escribo detrás das facturas da luz.