Cuestión de fume

CARBALLO

Una mujer sostiene un cigarrillo y una cajetilla de tabaco
Una mujer sostiene un cigarrillo y una cajetilla de tabaco

08 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A nova lei de tabaco é un lenzo en branco que asusta case tanto coma cando se produciu a prohibición de fumar nos bares. Parecía inverosímil pero consolidouse con facilidade. O tabaco é coma ese amigo silencioso que se cerne sobre todos na adolescencia. Esa primeira calada sabe horrible. Faiche colorear a pel do sofoco e tuses coma se o fume traspasase da pleura aos alvéolos. Meu pai morreu de cancro de pulmón, meu avó estivo certeiramente moi incapacitado nos seus últimos días a causa da EPOC. Non obstante, a pesares desa calada, continúase outra e outra. Gran parte do sistema sanitario destina parte dos seus fondos ás consecuencias do tabaquismo. Máis aló disto, hai unha verdade imperante: sendo mozo non pensas nos problemas que terás de vello. Non importa cantas carátulas de fotografías noxentas inclúan no envase. Imaxes de cancro, amputacións ou infertilidade. Non é ninguén da túa familia, non sentes ese sentimento de asociación directo. Pase o que pase, son das que pensa que calquera cambio ten que comezar por un mesmo. Non polo que diga eu aquí, ou outro dende a perspectiva dun non fumador. Ao final, o tabaco actúa como medio evasivo de problemas na mente, cando na realidade non nos aporta solucións. Por moito que inflen os prezos, se tes esa adicción, e non fas nada para remedialo, continuará sendo accesible. O comezo da primavera é un tempo produtivo para cambios. Non polos demais, nin por imposición social, por nós mesmos. O noso corpo ha de renovarse enteiramente cada sete anos, por que non ir renovando o noso casullo por nós mesmos de motu propio? De dentro cara fóra, dende a árbore da vida que conforman os nosos pulmóns.