Códigos

santipazos
santipazos O ABELLÓN

CARBALLO

Javier Milei, en el Estadio Luna Park de Buenos Aires
Javier Milei, en el Estadio Luna Park de Buenos Aires Matías Baglietto | EUROPAPRESS

24 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Non debera ser preciso, pero nunca sobra recordar que nun Estado de Dereito o que impera é a lei que emana das cámaras lexislativas elixidas democraticamente. Outro tema son os códigos de conduta, educación e respecto exixibles á cidadanía en xeral e, particularmente, aos representantes políticos, que deberan facer pedagoxía da convivencia sen alentar algaradas de taberna, tan de moda na actualidade. Mais, por moito noxo que produza, non teñamos tampouco a pel tan fina. En cuestión de valores e urbanidade sempre encontraremos opinións diversas que retratan a sociedade plural na que vivimos. Temos exemplos abondo.

O Parlamento Británico é un templo de refregas insultantes, un parlamentario de Taiwan roubou un proxecto de lei e fuxiu para que non se debatera, nalgún outro país ata chegan ás mans e, tanto Trump como Bolsonaro, alentaron asaltos contra institucións representativas dos seus países. En España, polo de agora, non chegamos a tanto, aínda que non estamos libres de catástrofes similares. Recordemos que Pablo Iglesias culpou a Felipe de ter as mans manchadas de cal viva, Rajoy dixo que Zapatero era culpable das vítimas de ETA, e moitos acusan a Feijoo de narcotraficante por darse un paseo en barco con Marcial Dorado.

Enténdase, con ironía, que todo iso se di sen inmutarse. Hoxe falamos de rexeneración democrática sen saber que significa tal cousa. Tamén berran liberdade os que só pensan na propia. A política debera servir para solucionar problemas, non para que vivamos, como propios, os que teñen os políticos entre eles. Persoalmente preocúpame máis que Milei, presidente electo de Arxentina, diga que a xustiza social é aberrante a que se meta con Sánchez. A todo isto, a diplomacia ten códigos de respecto que non se deberan esquecer.