Guadi Galego: «Non sei se a música pode educar, pero si conciencia e transforma»

Antón Lestón Lago
A. Lestón CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Sandra Alonso

A artista, recente Premio Martín Códax, participou no programa medioambiental Ecovoz, de Radio Voz 

27 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Guadalupe Cribeiro Galego (Cedeira, 1974) coñécena en todos lados como Guadi Galego. A artista pasou este venres por Ecovoz, unha semana despois de levantar o seu terceiro premio Martin Codax á mellor canción de autora por Síntese Horizonte. É, por certo, a primeira confirmación para a Carballeira de Zas deste 2024.

—Que se sinte ao gañar outro destes galardóns que a sitúan no primeiro escalafón autonómico?

—Eu creo que os premios, sobre todo, serven para visibilizar. O mellor é que cada ano o leve unha persoa distinta para seguir amosando a nosa cultura propia. Xa estamos nunha escena galega con moita forza.

—«Síntese Horizonte» é un directo no que repasa os 25 anos da súa traxectoria. Cambiou moito o directo en todo este tempo?

—Depende, tamén cambia o artista. O que cambiou sobre todo é a forma na que o público afronta o directo. Antes a xente tiña máis atención, para escoitar o espectáculo e iso permitía que puidese haber algún espazo para a reflexión incluso. Agora é máis directo podemos dicir, moito máis impulsivo, menos reflexivo. Cambiou, claro, como a vida.

—Hai outras cousas que cambiaron para ben, como o maior coidado da contorna, véxase o tema dos vasos reutilizables.

—Si, iso notouse moito, e iso que nós tampouco imos a moitos festivais. Aos que imos si que ese coidado agora mesmo está moi controlado. Pero hai que ser moi consciente de que o vaso de pouco serve se despois deixamos todo ciscado, o que comemos e o do botellón. É unha conciencia colectiva, pero sobre todo individual e penso que debería estar moi penalizada.

—Que técnicas pon en práctica?

—Ningunha heroicidade. Reciclo e intento consumir menos plásticos sobre todo. Pero si teño unha profunda conciencia medioambiental, non vou negar o cambio climático.

—Está presente na súa música.

—Non sei se a través da música se pode chegar a educar, pero si que é posible concienciar. A arte é transformadora e pode axudar, iso seguro.