Sen cancelas

santipazos
santipazos O ABELLÓN

CARBALLO

31 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«O falar non ten cancelas» é un refrán que está moi de actualidade, sobre todo en redes sociais, diarios dixitais, prensa escrita, radio e televisión. Se queren, tamén poden incluír esta columna no lote. Claro que escoitando os debates de control ao Goberno, no Parlamento español, non me estraña que ata o análise máis sosegado se pareza a unha crítica teatral do esperpento. Xa dicía o venres pasado que os códigos de conduta democráticos esixen certa mesura, mais penso que ese histórico «por qué no te callas» do Emérito non parece o mellor exemplo para reconducir os debates pola senda da racionalidade. Caer na censura inquisitorial, tan de moda nestes días, non é exclusivo dun grupo ideolóxico concreto, case todos acaban cometendo o mesmo erro. Sirvan de exemplo as reaccións que provocan as últimas declaracións de Felipe González ou os artigos de Fernando Savater. Opinións que, gusten ou non, pertencen á liberdade de expresión da que gozan con todo dereito. Ninguén está obrigado a escoitar, ou ler, o que lles pete dicir a estes dous referentes da intelectualidade e política española. Podemos facer zapping e, por suposto, xa que son personaxes públicos, criticar e comentar todo o que queiramos. Agora ben, o que non parece moi democrático é querer taparlles a boca con eses comentarios, bastante numerosos, que escoito a miúdo insistindo en que estaban mellor caladiños. O silencio, tan saudable en moitas circunstancias, xa non se estila nin nos conventos de clausura por moito que ameacen ás monxas coa excomuñón. Téñolle dito a Savater que cando defendía a súa liberdade, baixo ameaza de morte, tamén defendía a miña. Hoxe, amizade aparte, sen estar de acordo con el en moitas cousas, merece que eu defenda o seu dereito a dicir o que pensa sen censuras.