O Seminario Pondaliano de Espiral Maior cristaliza en libro cunha nova mirada á obra do bardo

M. López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Presentación, hai días, dun libro de Raúl Herrera en Espiral Maior Foro
Presentación, hai días, dun libro de Raúl Herrera en Espiral Maior Foro Basilio Bello

Miguel Anxo Fernán Vello conta ter listo este proxecto de cara á Praza dos Libros de Carballo. Conterá oito traballos ensaísticos sobre o escritor pontecesán

23 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Novo e ilusionante proxecto o que ten entre mans Miguel Anxo Fernán Vello, responsable do espazo cultural Espiral Maior Foro en Carballo. Trátase dun libro no que recollerá oito traballos ensaísticos resultantes das sesións do Simposio Eduardo Pondal XXI, posto en marcha hai máis dun ano.

Fernán Vello, entusiasmado pola iniciativa, avanza que levará por título Dun poema as ardentes estrofas. Visións arredor da obra de Eduardo Pondal, e que recollerá «interpretacións alternativas do bardo, moi novidosas e sobre aspectos que en moitos casos non foron aínda tratados. Pondal é un planeta literario, e neste libro afóndase moito en aspectos da súa obra e ofrécense novas lecturas», apunta.

Non será ata a vindeira edición da PLIC, a Praza dos Libros carballesa, cando se poida ver o resultado, máis o poeta e editor avanza que será un volume digno de coleccionista. «A imaxe da portada nunca se reproduciu en tanta calidade, e a da contraportada [a que se pode ver á dereita] tamén foi tratada con ferramentas de recuperación», explica. A edición, polo tanto, estará moi coidada.

E no interior, os traballos de especialistas e bos coñecedores da figura do máis internacional autor da Costa da Morte: Paula Cousillas, Dolores González de la Peña, Marcial Tenreiro, Miguel Ángel Martínez Quintanar, Teresa Angeriz, Antonio Andrade, Xavier Canosa e Luis G. Soto.

Entre tanto, continúa a actividade en Espiral Maior Foro, como a presentación da obra Raúl Herrera Garza na dorna, o pasado xoves e en compañía de Ramón Vilar Landeira.