A unión

Vicente de Lema ONDA MAINA

CARBALLO

ANA GARCÍA

12 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

individualismo é unha tentación na que é moi fácil sucumbir. Din tamén que é un mal dos nosos tempos, pero, en realidade, semella que o ten habido sempre. Unha cousa é que cada quen poida desenvolver a súa personalidade como un ser único e outra cousa é pretender vivir en sociedade sen buscar a colaboración dos demais. Sempre se chega máis lonxe se un vai ben acompañado.

Iso deberon pensar os trece centros de ensino medio da Costa da Morte que puxeron en marcha un programa ben bonito: Falemos + galego, que foi patrocinado por institucións como a Xunta e a Deputación. Xa rematou hai días coa gala dun concurso para os estudantes destes institutos, que se implicaron na iniciativa. Mágoa que quedaran fóra os da bisbarra de Bergantiños.

Non entanto, a idea non só é boa. É excelente e o mellor que poden facer é continuala para os vindeiros cursos. E non só para promover uso do galego. Tamén se poden facer propostas comúns noutros eidos para enriquecer a comunicación entre os centros e acometer proxectos noutras materias, como as ciencias, físicas e químicas, a historia, a literatura, a xeografía e as artes... ¿Por que poñer lindes? Os campos de traballo e colaboración poden ser inmensos. E que ben lle farían á bisbarra, aos alumnos e á sociedade.

Mesmo se podería aproveitar o saber de profesores xubilados para colaborar neste empresa científico-cultural dos centros de ensino medio da Costa da Morte. Hai tanta falta de colaboración que os campos andan moi ermos, por iso que nacese un proxecto común como o de Falemos + galego é un soprido de esperanza no futuro. Xa se sabe, a unión fai a forza.