
Criado na canteira das Eiroas, o coristanqués volve a vestir o rojillo tras volver de Burgos e destacar en Preferente e Terceira
13 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A falta de algo máis de dúas semanas para comezar a tempadade forma oficial, o Bergantiños pisou onte por primeira vez o novo céspede artificial das Eiroas. Un estadio ao que lle fixo especial ilusión retornar a William Peña (Berna, Suiza, 2003). O dianteiro coristanqués creceu nas Escolas Luís Calvo Sanz e debutou sendo aínda xuvenil co primeiro equipo. Este verán foi a primeira fichaxe do club carballés para competir en Segunda Federación.
—Como vai a preparación?
—Bastante ben, estamos contentos e cómodos, pero traballando moito. A nivel persoal, a esixencia é moito maior que estes últimos anos. As pernas cargadas, pero a ilusión axuda a levalo mellor.
—Foi todo moi rápido ca súa fichaxe? Había contactos do ano pasado?
—Non, eu estaba centrado na salvación co Paiosaco e non escoitei ningún tipo de proposta. O meu axente si que xa recibira esa oferta, pero non me dixo nada. Unha vez rematada a tempada, cando me comentou que se trataba do Bergan xa non o dubidei, porque é o club da miña vida.

—Debutou co Bergan no 2019 con 16 anos nunha tempada na que se sufriu na parte baixa da Terceira. Que recordo mantén?
—Por un lado moi feliz, porque foi a primeira oportunidade que tiven co primeiro equipo. Pero, por outro, non se obtiveron os resultados para as altas expectativas. Era unha etapa difícil a nivel de club. A min faime debutar Miguel, despois ven Borja e logo Lemos...
—E marcha a Burgos, aínda xuvenil. Volve para Preferente, despois a Terceira e agora xa en Segunda Federación. Estaba prevista unha escalada así, paso a paso?
—Cando cheguei do Burgos, cheguei coa etiqueta de vir de fóra e sen facer grandes números. E cando é así, se non che viron xogar, é difícil que un equipo de Segunda Federación aposte por ti. Tiven a posibilidade de ir a algún equipo de Terceira, pero en Noia vin que había un mellor proxecto deportivo e que podía ser máis axeitado para o meu crecemento individual como xogador. Quedoume a espiña de non dar ese salto á Terceira co Noia, pero crin que o Paiosaco era o que mellor se adaptaba ao que buscaba.
—E que se leva da Porta Santa?
—Paiosaco a nivel de compañeirismo, vestiario e proximidade da xente é unha auténtica pasada. Os capitáns Josiño, Iván Amor, Pablo Juanma, son historia viva de alí. E coa xente completan unha gran familia que che apoia nos bos e nos malos momentos. E iso non é moi común.
—Agora no Bergan, en que posto cree que o visualiza o míster?
—Estas semanas serven para iso. El está probando cousas diferentes para ver a que perfís se poden adaptar cada xogador. Eu podo xogar nas dúas bandas, por dentro, de volante ou mediapunta. Pero onde pida o míster, aí estarei a tope. A posición é o de menos, o importante e traballar e aportar para facer crecer ó equipo.
—Quen lle sorprendeu máis dos novos compañeiros cos que leva adestrando catro semanas?
—Hai moito nivel. Todos os que chegaron son moi bos. Omar é moi habilidoso, potente e moi rápido, pero destaco a todos. Uzal, Manu, Remeseiro, Iago... Todos. É que non me podo quedar con só un xogador porque hai un nivel colectivo enorme.