Este tesouro inmaterial que temos

CARBALLO

BASILIO BELLO

14 ago 2024 . Actualizado a las 09:28 h.

ruta das estrelas de Cabana, con 22 anos de vida ininterrompida, é pioneira en Galicia. A de Zas leva xa tamén uns cantos aniños. Ámbalas dúas presentan un formato que conxuga unhas andainas saudables (co aroma da aventura de andar polo medio do monte en plena noite), a observación astronómica, a compoñente cultural e patrimonial (ambas teñen lugar no entorno de coñecidos dolmens) e coñecemento científico: non falo só de cartografía celeste, senón de dinámica solar e das peculiaridades do sol da Costa da Morte, de cálculos astronómicos da obtención das distancias á lúa e ao sol, e de fundamentos da física e a comprensión da dinámica do Universo.

Estas dúas actividades fixeron parte do argumentario exposto na candidatura da Costa da Morte ao selo de Destino Turístico Starlight, obtido en xaneiro de 2023, e poñen enriba da mesa un modelo que é facilmente adaptable a todo o xeodestino da Costa da Morte.

Serven tamén para concienciar á xente da necesidade de poñer couto á contaminación luminosa (un tema no que sempre insisto nestas actividades), e para que se entenda que cunha iluminación racional (implica optimizar tanto a intensidade da luz como a súa cor) saímos gañando todos e a todos os niveis: economía dos concellos, calidade do sono, seguridade tanto persoal como viaria, estética das nosas vilas, a nosa saúde e tamén o privilexio de poder contemplar o ceo estrelado, algo que cada vez se pode gozar menos no mundo occidental.

Na camiñata de Zas, ían comigo dous barceloneses que non paraban de asombrarse co entorno e co ceo. Debemos ser conscientes dese tesouro inmaterial que temos, e protexelo o máis posible.