O Semescom, de periplo por Alemaña. Rematou o percorrido polas cidades da Liga Hanseática, que tiña como patrón a Santiago
29 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.«Unha viaxe mídese en amigos, non en millas», dixo un día un tal Tim Cahill. A amizade tal vez sexa o valor máis profundo dos viaxeiros do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom), que o martes rematou o seu percorrido por Berlín a as cidades da Liga Hanseática do norte de Alemaña. O que se pode considerar como a precursora na Idade Media da actual Comunidade Económica Europea ten un vencello simbólico con Galicia e Santiago, o patrón daquela organización.
Precisamente neste aspecto profundou Pablo Sanmartín nas charlas do masterbús do Semescom, as pegadas xacobeas no país alemán, «clave para o Camiño de Santiago», dixo o secretario da Rula. É o segundo lugar de orixe de peregrinos estranxeiros a Compostela con espazos de culto xa dende o século IX, con puntos de inicio de peregrinacións e de aloxamento para os camiñantes. Falou Sanmartín das institucións máis antigas ao respecto e comentou que hoxe hai máis de 50 rutas que saen deste país cara Santiago e Fisterra. Citou camiñantes históricos, como o monxe Hermann Künig von Vach (1499) ou Arnold von Harff de Colonia, que chegou a cabalo a Xerusalén, logo a Compostela e, como non, á vila fisterrá, entre 1496 e 1499. Foi asaltado por bandoleiros e morreron dous dous seus acompañantes.
No percorrido do Semescom estaban incluídas moitas igrexas que teñen como patrón a Santiago. A ruta máis tradicional comenza en Hamburgo, unha das cidades de parada do masterbus, e pasa por Bremen e Münster, tamén coñecidas neste periplo. Á «Raíña da Hansa», a cidade de Lubeca, Lema Suárez cualificouna como A cidade das sete torres, a Porta do norte de Europa. Ademais das dúas torres (Porta de Holsten) que dan a benvida ao visitante, os viaxeiros viron as casas de tres premios Nobel, Willy Brandt, Tomas Mann e Günter Grass. Pasearon polos xardíns a beira do río e gozaron dunha urbe que é Patrimonio da Humanidade.
Cada unha das paradas foi andada con intensidade. Algúns dos membros da comitiva chegaron a camiñar 150 quilómetros nos nove días de desprazamento. Mentres, no bus, o ornitólogo Xosé Manuel Penas Patiño explicou as diferenzas entre os corvos hanseáticos e os galegos e relacionou a viaxe por cidades dos mares do norte coa caza de baleas en Galicia, unha actividade que deu vida a moitas vilas galegas e da Costa da Morte, como Caión, Malpica, Laxe ou Cee. Defendeu que nestes concellos, o cetáceo debería estar presente nos escudos municipais, como no da Laracha.
Pola súa banda, Miro Villar deu conta dun poema escrito en alemán por Vicente Risco e Otero Pedrayo que o xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní descubriu entre o legado de Isidro Parga Pondal, a quen lle era dedicada a composición con ocasión dunha xeira do Seminario de Estudos Galegos pola Costa da Morte e en concreto a subida ao Pindo no 1936. Gran parte do material desta investigación foi destruído tralo golpe de Estado. Miro tamén abundou no percorrido que os membros do Seminario de Estudos Galego fixeran naquel entón polas comarcas do Fisterra. Sobre todo quedaron fascinados polas altas cumes, «veciñas do ceo» do olimpo celta.
Lema profundou, asemade, nos persoeiros e científicos alemáns que dedicaron traballos a Galicia. Citou, entre outros, a George e Vera Leisner, que realizaron investigacións en megálitos e descubriron as pinturas de Pedra Cuberta. Rosa García Vilariño completou a súa intervención coas traducións e versións feitas por autores do alemán ao galego. Traballos como os de O Tío Marcos da Portela, Carré Aldao, Xohán Vicente Viqueira ou Amor Ruibal, entre outros. O escritor Pepe Carballude, un ano máis, converteu os seus coñecementos en latín nunha disertación amena sobre expresións clásicas e cultas usadas habitualmente, unhas veces de forma correcta e outras non, e acompañadas de anécdotas. Despois tocou percorrer Hamburgo, o segundo porto comercial máis importante de Europa, e a cidade das mil pontes ou a Venecia do Norte. Houbo quen paseou en barco polo lago Alster. O Concello, a cidade dos almacéns, a rúa Deichestrasse ou a Filarmónica foron algunhas das paradas realizadas.
De camiño á Roma do Norte, Bremen, Manuel Chouza contou dunha forma amena a vida e obra de Alexander Humboldt (1769-1859), xeógrafo, astrónomo, humanista, naturalista e explorador que gastou a súa fortuna en investigar e na ciencia. Actualmente a Universidade de Berlín leva o seu nome. En Bremen, a expedición do Semescom entregouse ao mundo literario dos irmáns Grimm. É unha cidade que semella de conto, chea de encantos, e na que se respira historia e arte a cada paso. E na praza principal, rodeada de edificios cargados de adobíos arquitectónicos, a escultura de Rolando, Patrimonio da Humanidade. O que non esquecerán algúns membros da expedición son as oito momias expostas nun dos museos da catedral.
A viaxe torna á súa fin, pero, de camiño a Münster, Xela Cid aínda ten azos para dar conta do Caso Sambre, a historia provocada por un violador en serie en Namur, outra cidade visitada. Un home que chegou a violentar a máis de 60 mulleres durante trinta anos e que a policía non foi quen de resolver a investigación ata o ano 2018. Colonia foi a última gran cidade alemá percorrida. Algúns subiron os 533 chanzos da torre da súa catedral, de 157 metros de altura.
Houbo despedida. Xan Fernández Carrera loou o traballo feito polos organizadores, Xosé María Lema e Chus Barbeira, e o responsable da viaxe, Pablo Bustelo, de Compostela Bus, así como as achegas de Antón Losada, Penas Patiño, Xela Cid, Rosa García Vilariño, Pepe Carballude, Miro Villar, Pablo Sanmartín, Manuel Chouza, Emilio Roca e a atención médica de Fernández Garrido. Santiago, que era o patrón da Liga Hanseática, foi o martes pola tarde o punto de parada da xeira do Semescom deste ano.