A proposta é un axuste de contas dunha filla co propio pai e con ela mesma
28 oct 2024 . Actualizado a las 09:34 h.O Rei Lear, e mesmo case todo Shakespeare reinterpretado ou deconstruído, é unha boa escusa para falar dun mesmo na actualidade. As sociedades cambian, mais os problemas existenciais permanecen.
De aí que a proposta que se nos fai en Casting Lear non sexa outra cousa que un axuste de contas dunha filla co propio pai e con ela mesma. O dilema entre vinganza e perdón provoca unha vertixe tan angustiosa que coarta a necesaria actitude de vivir en liberdade.
A estrutura da obra, en aparencia, é moi sinxela, un escenario baleiro cunha tarima no medio e unha iluminación moi coidada, creada por Judit Colomer, e unha boa actriz, Andrea Jiménez, tamén autora e directora, coa colaboración de Úrsula Martínez, que nos fala dos propios traumas coa axuda dun asistente que encarna o actor Juan Paños. Puro teatro. Como ela di, o teatro entendido como un proceso para atreverse a mirar. Unha viaxe emocional e intensa na procura de encher as propias lagoas referenciais, xa que a protagonista ten que elixir entre a dependencia paternofilial ou o teatro, optando polo mellor lugar do mundo que non é outro que un escenario onde poder confesarse publicamente.
E dicía en aparencia, porque para facer iso non precisaban de Lear. Mais o que converte esta obra nun artefacto escénico de gran nivel é que o Rei faise presente interpretado por un actor distinto en cada función. Recurso moi interesante que lle permite crear dúas ficcións paralelas nun instante único e irrepetible. Por unha parte o clasicismo shakespiriano e, por outra, o realista e actualizado psicodrama terapéutico dunha rapaza moderna que, como Cordelia, é rexeitada polo seu propio pai.
Co que non contabamos nós, e que seguramente a propia Andrea Jiménez non esquecerá xamais, era que na función número 27 ese actor descoñecido non era outro que o admirado Quico Cadaval quen, por certo, coñece a Shakespeare dende todos os ángulos posibles. Así que sen desmerecer o traballo de Andrea, penso que Quico tivo unha desas noites na que demostrou que, ademais de saber contar historias como poucos poden facer, de dirixir e adaptar textos teatrais que permanecerán na nosa memoria como aquela Noite de Reis inesquecible, é un actorazo que se adapta perfectamente, e con nota sobresaínte, a calquera improvisación ou exixencia que o guión marque. Engadindo inspirado, como non podía ser doutro xeito, algún que outro comentario que arrincou as gargalladas do público aliviando un pouco ese dramatismo tráxico que domina esta obra. Como despois de espirse totalmente, menos quitar a camiseta para non coller frío no peito, pide desculpas por mostrar tan pobre instrumental. Como sabemos, tanto á boa comedia como á traxedia venlle ben sempre un toque discordante que rompa coa narrativa monocorde.
E por outra parte, Andrea, como Cordelia, quéixase de que se ten que tragar a cólera, recrimina ao autor por non falar nunca dela e laméntase de que por amor perdoa e salva ao pai, a Lear na ficción e ao propio na realidade aciaga, mentres ela é condenada. Perdoar é unha forma de esquecer, di Cadaval como Lear antes de morrer. E chegado ao final, nun longo monólogo na defensa do teatro, Andrea pontifica con certeza «todo se rompe dentro cando ves algo con tanta verdade».
Había tempo que non gozaba tanto do teatro como neste Casting Lear. Intelixente na montaxe e interpretada con intensidade, sentimento, e un punto de ruptura iconoclasta e contraste argumental que acrecenta a miña confianza en que esta arte segue a ser un espazo creativo, efémero, cambiante, e cheo de esperanza. Parabéns.
Saúde e longa vida…