A España dos críticos literarios e audiovisuais está dividida. Opinan e xulgan sobre a primeira serie sobre o best seller de Gabo que saíu hai pouco á palestra. Unha serie dirixida por Álex García e Laura Mora. Un formato, segundo di por exemplo o escritor Sergio del Molino, que parece un constante anuncio de café colombiano. A min, persoalmente gustoume, e non me paga Netflix por emprazamento de produto neste artigo. Volver a escoitar pasaxes da novela en voz en off xa é unha gozada. Evidentemente, non pode ter a aprobación de todo o mundo. Existen mil e un pobos diferentes nas nosas cabezas. Non obstante, volver coñecer a soidade de Amaranta Úrsula, o xeo por primeira vez e a sensualidade tardía de Pilar Ternera é precioso. Ao mesmo tempo, por moi boa que sexa a produción, nada como ler o orixinal en papel. Nin o máis fastoso proxecto audiovisual sería capaz de emular a escrita distinguida e prosaica do grande da literatura hispanoamericana. Para min, Luís Sepúlveda e el son os grandes divos. Dúas estelas fastosas. Para aqueles que gocen de García Márquez, recoméndolles que sigan por La Hojarasca, El coronel no tiene quien le escriba e o relato de Isabel viendo llover en Macondo. Obras tan marabillosas ou máis ca Cien años de soledad. Señores críticos, pola súa banda non pelexen, nunca choveu a gusto de todos. Facer accesible a todo o mundo unha xoia da literatura universal non ha de ser sinxelo. Abofé que non. Eu, pola contra, ansío con ansias ver o final do libro de Melquíades na pequena pantalla, a través da segunda parte que aínda non saíu. Xa lles anticipo eu que o primeiro dos Buendía morreu debaixo dun castaño e o último devorado polas formigas.