Apunta estas dúas xornadas en Carballo e Corme
31 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Os últimos días deste 2024 acolleron numerosas presentacións de libros na comarca. O 2025 tamén arrincará de maneira similar.
En Carballo, Espiral Maior Foro ofrecerá unha firma de libros polos propios autores dos mesmos o próximo día 3, de 19.00 a 20.30 horas. É unha forma de regalar algo exclusivo por Reis, explican desde o espazo. Alí estarán Xosé Antonio Andrade coa súa publicación «Os cómaros da vida. Diarios 2020-2022»; o poeta Raúl Herrera coa súa obra «Garza na dorna», e Fernando Cabeza Quiles con «A toponimia dos celtas brigantinos e doutros pobos da Gallaecia». Todos os asistentes poderán degustar unha copa de viño ou cava galego para celebrar o novo ano, avanzan.
Doutro lado, os docentes Fina Paulos e Óscar Rey presentarán o seu libro «Intelixencia Artificial para a sociedade» en Corme, o próximo día 4 ás 19.00 no MACCMO. Organiza a asociación cultural Insua de Viastela, e o acto estará presentado por Diana Varela, veciña escritora que apoiou este proxecto educativo. No mesmo profundarase sobre as claves da IA para todos os públicos.