Siro López: «A caricatura é unha arte nobre, dedicala a ridiculizar é rebaixala»
CARBALLO
Gentes del Finis Terrae | Vén de impartir un taller para rapazada no Couto, da man da Fundación Pondal. Aos seus 82 anos segue collendo o lapis cada día. Festexa o 2025 como Ano Castelao e avanza unha homenaxe para o rianxeiro no EMHU da Coruña
05 feb 2025 . Actualizado a las 13:01 h.«Hai moitas razóns para ir pola Costa da Morte», afirma o ferrolán Siro López (82 anos). Entre outras cuestións, de cando en cando tráeo por Bergantiños o certame de pintura Álvarez de Sotomayor, mais desta volta foi un obradoiro de artes plásticas promovido pola Fundación Pondal, no Couto, Ponteceso, o sábado. «Cos nenos sempre estou ben. Gústanme e divírtome coa súa inocencia e creatividade. Convideinos a facerme unha caricatura, e tróuxenas todas, porque me fan unha graza enorme. Traballar cos nenos o debuxo é gratificante», explicou en Radio Voz o debuxante, ilustrador, artista plástico, caricaturista, escritor e comprometido xornalista.
—O caricaturista caricaturizado.
—Divírteme que me caricaturicen. A caricatura, cando non ten finalidade agresiva, de mofa ou ridiculización, fai graza sempre. Aínda que tamén digo que exercín a caricatura política moitos anos e nalgunha ocasión tiven que facela de personaxes odiosos. Pinochet, por exemplo, un par de veces. Non me divertía nada. A caricatura é unha arte demasiado nobre para empregala en cousas cativas, eu sempre quixen facer caricaturas que competisen co retrato, que fosen arte de museo. Dedicala a ridiculizar ou facer risible é rebaixala.
—Tivo a nenos como espectadores. Motivos para seguirlle tendo fe ao pobo, aínda que hoxe semelle un tanto complicado.
—Si, por máis que a miña experiencia non foi tan grata con rapaces de instituto. A última vez que fun a un, polas Letras, saín decepcionado e doído, sobre todo co profesorado, que non ha ter a culpa toda. Comprometinme comigo mesmo a non volver, salvo tendo certas garantías. Que os rapaces considerasen as Letras un rollo, ou que non souberan unha palabra de Castelao ou Rosalía... Levo toda a vida organizando cursos de galego, dando charlas, sempre coa ilusión de estar sementando... E ver algo así...
—Ano 2025, Ano Castelao. A ilustración vai estar no centro.
—Paréceme estupendo, e dou un primicia. O EMHU, o Encontro Mundial de Humorismo na Coruña dirixido por Luís Piedrahíta cun éxito de convocatoria enorme [a quinta edición será do 24 de abril ao 4 de maio], vai homenaxear a Castelao tamén. Ou sexa, que non é só humor en escenarios, senón neste caso humor literario. Sempre falamos do Castelao debuxante, e é un dos grandes debuxantes do mundo, pero tamén é un dos grandes humoristas literarios da literatura universal, aínda que a súa obra neste eido sexa curta. É para min unha satisfacción enorme, colaboro co EMHU dende o primeiro ano, e esta é unha vindicación miña que se atendeu xenerosamente.
—Foi a ilustración irmá pobre da escrita? Nos libros, xornais...
—Quizais, pero hoxe non se pode dicir que sexa a irmá pobre de nada, en absoluto. Leva anos vivindo tempos de esplendor, en Galicia hai ilustradores de calidade extraordinaria. Por exemplo, David Pintor, a quen iniciei neste mundo da arte, hoxe un dos grandes ilustradores do mundo. Pero hai outros, moitos e tamén bos.
—Dicir moito con pouco.
—Efectivamente. Se acompaña un texto ten que haber simbiose con este, mais tamén hai unha ilustración especial, como a que desenvolvín anos, humor gráfico ou caricatura, política neste caso, cuxo éxito está documentado dende o Renacemento, pero de maneira especial no XIX, eclosión en Europa. Ao fío disto lembro ao crítico de arte José Francés afirmando a comezos do XX que Castelao era o máis europeo de todos os debuxantes españois. Un rapaz de Rianxo que pasa a adolescencia na Pampa Arxentina!
—A actualidade política e mesmo social dá para humor gráfico.
—Vivimos malos tempos para o xornalismo en xeral. O mundo non vai ben e España tampouco, pero estes días andaba lendo entrevistas a Valle Inclán e xa no 1934 el lle dicía isto mesmo a un xornalista. Hai que ser optimista.
—Segue collendo lapis cada día?
—Todos. Vexo a tele cun bloc e un lapis na man. Malo será cando deixe de facelo, xusto andaba no momento da chamada coa portada para un libro de poesía. Debuxo con lapis, sei que hai programas de ordenador que permiten facer virguerías, pero eu quero traballar coma sempre. Traballo manual, para min é iso. Non preciso nin quero a intelixencia artificial nisto.
—A Fundación Pondal nomeouno no 2015 Bo e Xeneroso. Daquela dixera que nunca quixera abandonar Galicia porque non quería deixar de escoitar o noso idioma. E as cifras tamén nesta materia...
—Si. A Galicia na que estou vivindo non ten nada que ver coa da miña xuventude, a dos meus 20-30 anos. Malos tempos, e vexo difícil poñerlle remedio, pero tampouco creo que sexa só problema ou responsabilidade do goberno. Pasaron os tempos da ilusión...
—Que anhela para a ilustración?
—Que se poidan debuxar moitas viñetas, libros e artigos de xornal contando que se superou esta crise cultural e que hai motivos para esperar mil primaveras máis para o idioma e a cultura desta terra nosa.