Os trens

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

Un tren en la estación de Meirama, en Cerceda
Un tren en la estación de Meirama, en Cerceda ANA GARCIA

07 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Levamos co tema do tren que nunca chegou á Costa da Morte máis de cen anos. Sen abusar de expresións que tan ben acaerían para o caso, ese tren xa pasou. Unha mágoa, porque esta comarca podía ser outra ben diferente e mellor. Aínda que quen sabe! En certas zonas de Castela polas que ás veces paso os restos das vías son agora iso, restos. Pero o normal é que o transporte ferroviario de persoas e mercadorías axude ao desenvolvemento, non hai máis que ver algunhas áreas de Galicia, España e sobre todo Europa.

E se se aposta de novo por el? Aproveitando que se está construíndo a conexión con Punta Langosteira, o nexo con esta comarca quedaría moito máis preto. Polo menos nun eixo inicial cara A Laracha e Carballo. Xa sei que estas cousas non se fan dun ano para outro, que se necesitan moitos fondos e moitos estudos. ¡Se ata para ampliar unha granxa de vacas a burocracia é moita e os prazos lentos! Pero se cadra o momento de chuzar vén agora. O eixe entre Bértoa e Arteixo vai ter un potencial extraordinario co que hai e co que virá. Polígonos fortes, cheos de empresas, algunhas delas punteiras e con mercados internacionais. Un tren podería garantir conexións rápidas, eficaces e limpas, e máis no mundo eléctrico que está por vir neste século. E xeraría unha sinerxias que xa nos podemos imaxinar. Sobre este arco industrial falaron esta semana na presentación da ampliación do polígono da Laracha, que entre o público e o privado sumará dous millóns de metros a medio prazo. Non ten pinta de ser polígonos dos que crían herba da Pampa ou xestas. A ver se hai de verdade opcións reais e o que falta é unha aposta seria.