A Deputación apoia o labor social dos concellos e de centos de asociacións
CARBALLO
Financia 400.000 horas de axuda no fogar e contrata a 180 profesionais
08 feb 2025 . Actualizado a las 12:05 h.A Deputación da Coruña reforzou nos últimos anos o seu compromiso cos servizos sociais, converténdose «nun piar esencial» para mellorar a calidade de vida da cidadanía. Este ano, cun orzamento de 33,6 millóns de euros para a área social, esta Administración aposta por programas que garanten unha atención máis ampla, profesional e eficiente, cunha inversión sostida que permite fortalecer tanto os recursos dos concellos como apoiar a centos de entidades sociais que desenvolven un labor fundamental apoiando aos colectivos máis vulnerables.
A Deputación vén de aprobar un investimento de 9,5 millóns de euros para soster os servizos sociais dos concellos de menos de 20.000 habitantes. Con cargo a estes fondos do Plan de Servizos Sociais Comunitarios, os municipios coruñeses contratan a 180 profesionais que garanten unha atención de proximidade e de calidade, incluso nos municipios máis pequenos da provincia.
Este apoio económico permite tamén aos concellos financiar preto de 400.000 horas de Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un recurso esencial para moitas persoas maiores ou dependentes, así como axudar aos concellos a mellorar as condicións laborais das coidadoras que traballan neste servizo, xa que a achega da Deputación pasa de 12 a 14 euros por hora, incrementado en 800.000 euros o orzamento do ano pasado.
Por outra banda, o organismo provincial entende que o traballo das entidades sociais é chave para atender a persoas en situación de vulnerabilidade. Por iso, este ano destina 4,5 millóns de euros a subvencións para apoiar o traballo de 273 agrupacións, co obxectivo de que os seus servizos cheguen ao maior número de persoas posible.
«As entidades que traballan na provincia da Coruña realizan un labor fundamental coas persoas que máis apoio necesitan. Un traballo que mellora a vida de miles de veciños e as súas familias que desde a Deputación queremos seguir apoiando e reforzando con estas liñas de axudas», afirmou o presidente, Valentín González Formoso.
A deputada de Política Social, Mar García Vidal, detallou que, entre os programas e servizos cofinanciados pola Deputación da Coruña en todo o territorio provincial «hai terapias de rehabilitación, programas de atención psicosocial e prevención de condutas aditivas, respiro familiar e coidado de persoas maiores ou con discapacidade, transporte adaptado ou integración laboral que benefician a miles de persoas e lles axudan a mellorar a súa calidade da vida».
Teleasistencia
Outro dos servizos fundamentais da área social é a teleasistencia, na que inviste 1.372.000 euros este ano. Actualmente, máis de 4.200 persoas maiores da provincia son usuarias activas do botonciño da Deputación, un dispositivo que os acompaña durante as 24 horas do día, os 365 días do ano, e que garante a seguridade e a asistencia inmediata para as persoas maiores que viven soas e ofrece unha gran tranquilidade ás súas familias. Saben que só con premer o botón, sempre hai unha persoa pendente deles ao outro lado da liña.
Por outra banda, a soidade non desexada é un problema crecente na sociedade actual, especialmente entre as persoas maiores que viven no ámbito rural. Por iso, a Deputación da Coruña lanza un novo programa de envellecemento activo e loita contra a soidade, cun investimento de 295.000 euros.