
Ferven as concellerías de Cultura da Costa da Morte cos seus programas de entroido. E cada ano máis. Parece que estivesen desexosos de concentrar a maior cantidade posible de xente nas súas actividades. A este paso, o carnaval vai acabar sendo unha especie de liga ou torneo de concursos de comparsas. E a ver quen dá o premio máis grande. Os grupos irán de vila en vila nun torneo sen fin. É o que ten esta nova versión dunhas celebracións que noutro tempo tiñan outro enfoque. Eran transgresión pura, ir contracorrente e desafiar o prohibido. Era enxeño puro adobiado con retranca.
Cada lugar, cada pobo tiña a súa singularidade. Neste século XXI, a xente contentase con mercar uns disfraces ou facelas de encargo en grupo e participar en desfiles e concursos que son iguais en todas as vilas e, se acaso, andar de troula e, se hai ocasión, facer un botellón XXL, como o da Mikaela, e todos contentos, aínda que as prazas queden feitas unhas esterqueiras. Estaría ben que nos concellos esmagasen un pouco os miolos, indagasen e axuden á xente nova a recuperar as vellas singularidades de cada lugar. É encomiable, neste senso, o labor que fixeron en Malpica cos Madamitos e Ghuardineros ou co Faustino e co Facurro. Tamén ten sumo interese a recollida e interpretación que levan feito na Escola do Alprende, en Oza (Carballo). Mesmo as coplas de Roberto Traba Velay en Fisterra, que cada ano supera ao anterior, forman parte desa tradición de compoñer textos satíricos cargados de humor que amosan a creatividade que corre polas veas dun pobo. Así que, meus amigos, un pouco máis de orixinalidade e menos copiar uns dous outros.