Celebracións polo Día de Rosalía capitalizan a axenda deste domingo na Costa da Morte
CARBALLO




















En Malpica, varios locais hostaleiros repartirán caldo de gloria, e na Laracha haberá un espectáculo infantil
23 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Con visitas escolares a un xardín bautizado co seu nome, con contacontos e recitais poéticos, co reparto de caldo de gloria, con exposicións sobre a súa vida e obra... De todos estes xeitos se veu homenaxeando, durante os últimos días ou mesmo ao longo de todo este mes de febreiro, o nacemento da gran poeta da terra e figura do Rexurdimento, Rosalía de Castro.
Mais é hoxe, 23 de febreiro, o propio día no que se conmemora o nacemento da escritora padronesa, con varios actos programados en municipios como Malpica ou A Laracha.
No primeiro caso, o Concello decidiu sumarse un ano máis á iniciativa convocada pola Fundación Rosalía e servir caldo de gloria en varios locais hostaleiros da localidade a modo de tapa. Colaboran o Ibarra, A Taberna de Lesto, O Pescador, Casa Antonio, cafetería Santiago Apóstol, Dársena, O Cornecho e La Ratona. O consistorio, pola súa banda, promove nese horario un pasarrúas coas cantareiras da ACD Carcaxía e outro cos gaiteiros de Malante, que animarán de unha a tres da tarde os locais participantes. Así mesmo, distribuiranse salvamanteis cos versos do poema Miña casiña, meu lar, nos que Rosalía describe a receita do popular caldo de gloria.
Por outra banda, na Laracha poderase gozar hoxe do concerto infantil Cantamos con Rosalía!, de Luis Vallecillo. Será ás doce do mediodía, na Casa da Cultura da capital municipal, e o acceso será totalmente libre e gratuíto para o público asistente. O espectáculo durará 50 minutos.