As premiadas xoias de Pontevedra que teñen a mesma orixe que destino: o medio ambiente
CARBALLO

ECOVOZ 2025 | No Brasil teñen a súa orixe as bioxoias de Sembra, premiadas pola súa vertente ecolóxica e polo seu apoio aos pobos indíxenas do Amazonas
24 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hai dous anos, Silvia Rodrigues viaxou ata Madrid para participar na feira de bisutería Bisutex, colocando o seu posto de lado de grandes marcas do mundo da moda, como Agatha Ruíz de la Prada. En cambio, foron as bioxoias de Sembra as que levaron o primeiro premio pola súa vertente ecolóxica, natural e o seu apoio aos pobos indíxenas do Amazonas. Para coñecer a orixe deste proxecto hai que viaxar ata Brasil, onde Silvia traballaba como xornalista especializada na información medioambiental. «No 2015, cando xa vivía aquí, nunha viaxe a un destes pobos indíxenas, decidín comprar unhas xoias para os meus familiares. E nese instante propúxenme traer este coñecemento a España, para gozar da moda pero dunha forma moito máis consciente», afirma.
No 2023, tras madurar o proxecto, volveu viaxar ao Amazonas, onde hai máis de 350 pobos orixinarios. «Son, de lonxe, as persoas que máis saben sobre sostibilidade, viven en armonía co medio, séntense parte del, polo que o seu modo de vida básase en coidalo e en respetalo», explica. Desa cultura nace a súa idea das bioxoias, que máis alá da súa beleza e do valor atemporal que teñen como complemento, inciden nese obxectivo de manter o equilibrio co entorno no que vivimos. «Cando alguén se canse delas, todo o que debe facer é enterralas na terra, e en cuestión de 40 días, desaparecen nutrindo o solo», indica Silvia. Ao contrario, un colar de plástico tardaría uns 400 anos en degradarse.
En apenas dous anos, aquela iniciativa pronto foi atrapando a unha clientela cada vez máis preocupada polo impacto medioambiental que xera o seu consumismo: «Sempre levamos un estilo de vida lineal, crendo que os recursos eran inesgotables. As marcas, por leis, xa están actuando, pero a xente ten que darse conta de que cando tira unha prenda vai causar moito dano ao noso medio. Hai que fuxir dese consumismo impulsivo que nos leva a mercar cousas que nin necesitamos».