
A presentación tivo lugar onte no Club Marítimo Carrumeiro, de Corcubión
28 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Escola de Vela Cataventos puxo en marcha onte a nova edición do seu programa O Mar na Escola 2025, Xogando co Vento. Unha iniciativa coa que levan achegando a práctica da vela aos colexios e institutos da Costa da Morte dende hai xa máis de vinte anos. No acto de presentación, celebrado no Club Marítimo Carrumeiro, en Corcubión, participaron o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez; o xefe do servizo de Deportes da Secretaría Xeral para o Deporte, Roberto García; o presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde; o responsable de relacións institucionais de Stolt Sea Farm, a empresa colaboradora, Javier de Francisco, e o presidente do club marítimo anfitrión, Félix Quintero.
Ademais, estiveron presentes os alcaldes e alcaldesas de Corcubión, Cee, Fisterra, Carnota, Dumbría e Muxía. Concellos dos que participarán máis de 330 alumnos, de maneira gratuita, durante esta edición.
Un programa consolidado
O feito de que este programa cumpra un ano máis e unha mostra de que se trata dunha iniciativa xa consolidada. É o resultado do traballo de algúns profesores e técnicos deportivos que no seu momento optaron por incluir no currículo de Ciencias Naturales, Ciencias Sociales e Educación Física un método innovador para achegarse a un entorno próximo como o mar.
Así, o alumnado participante recibirá formación en biodiversidade, acuicultura e nocións básicas sobre o vento, as correntes e as mareas. Tamén coñecerán teoría e práctica sobre a navegación a vela e a seguridade no mar. Todo iso, fomentando o hábito de facer deporte nun ambiente lúdico.
As sesións prácticas realizaranse nas instalacións do Club Marítimo Carrumeiro, en Corcubión, e no Marina Muxía, dependendo do lugar que corresponda aos centros participantes por proximidade. Alí, a través de diversas actividades como a vela, kayak, voós de cometas e obradoiros de nudos mariñeiros, os máis de 330 mozos e mozas poderán demostrar que adquiriron correctamente os coñecementos dunha iniciativa enmarcada dentro do programa Xogade da Xunta de Galicia e que conta coa colaboración da Federación Galega de Vela. A actividade desenvolverase entre os meses de marzo, abril, maio e xuño.