Os corredores infinitos dos centros médicos e demais lugares sanitarios son sitios inhóspitos e fríos, de cores azuladas e sentimentos encontrados. O outro día, na consulta da enfermería, había dous grandes carteis: un sobre gardar silencio e outro sobre a erradicación das agresións. Pregunteime seriamente sobre a efectividade real dun folio para parar a violencia. Enfronteime ao dilema de ter como sociedade tan pouco civismo é que sexan necesarias tales advertencias.
Quero pensar que é un acto de repulsa sentida a algo que non debe suceder en calquera espazo posible. Entendo perfectamente que, a miúdo, entre aquelas catro paredes, escoitamos novas que nos fan tremer de dor, pero nada xustifica a agresión. Ademais, son consciente de que entre grandes profesionais da saúde pode haber quen non encarne os valores que debe ter un bo sanitario, mais para iso hai canles para reclamar e amonestar.
Hai que ser racionais e pensar que o funcionariado tamén debe ter un réxime disciplinario consistente. Non debemos como usuarios quedar calados ante o que non nos parece xusto mais tampouco alzar la puños coma se estivésemos nunha ágora desaforada. Nos lugares onde habita a enfermidade precísase, por ambas partes, sosego, tranquilidade, dozura e tremendo amor. Nada máis pode habitar nun sitio de transo polo que todos pasamos, como enfermos ou coidadores. O demais é ruído, violencia e refugallo dun sistema público e de calidade que deberíamos reivindicar, coidar e financiar máis. Tanto que aplaudíamos en outrora a aqueles heroes e agora volvemos a confinarnos na nosa propia miseria humana. Son os mesmos, os que cambiamos somos nós, en incivismo e protesta desmesurada.