Fin da Universidade Sénior e dúas citas cos pequenos na Costa da Morte

La Voz LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

Mércores 19 de marzo e unhas cantas citas referentes á comarca

18 mar 2025 . Actualizado a las 23:23 h.

Hoxe • A sétima edición da Universidade Sénior na Costa da Morte, con epicentro en Baio, chegará esta tarde ao seu fin cun acto de entrega de diplomas nas instalacións desta Universidade, no Paseo de Ronda da Coruña. Iso será ás 19.00, mais antes, os máis de sesenta maiores de 50 anos inscritos participarán de varias visitas culturais: Castelo de San Antón, Museo Histórico Militar ou Aquarium Finisterrae. A iso sumarán unha clase maxistral sobre actividade física.

Será esta unha das citas do día na axenda da Costa da Morte, mais outra ben simbólica estará no colexio Gándara-Sofán de Carballo. Alí, de 11.00 a 13.30, Afundación, a Obra Social de Abanca, desenvolverá o seu proxecto Plantando árbores con pinceis, con 85 rapaces de primaria. Elaborarán un mural con pinturas e dirixirá a sesión a artista Rachele Cavallo, de Vella Escola (na imaxe superior): cultura, medio ambiente e sostibilidade. Tamén en Carballo, pero á biblioteca Rego da Balsa, retornarán os Ratos de Lonxedetodo, desta volta co espectáculo A festa da poesía, para nenos e nenas de 4 a 8 anos. Como xa vén sendo habitual, haberá dúas sesións, ás 17.00 e ás 18.30 horas, con necesidade de reserva no 981 758 580.