
Para tomarlle o pulso aos fluxos dos nosos veciños emigrados en Suíza, os que veñen con moita frecuencia e os que van dende aquí ver aos seus, teño o costume de mirar con frecuencia case diaria o prezos dos voos. Entre Santiago e Xenebra e Basilea, e entre A Coruña e Xenebra. É como ir á feira e comparar produtos entre unha semana e outra, ou o supermercado, ou consultar a Bolsa, ou a como está o gasóleo. Xa sabemos que na Costa da Morte, cada semana, e tamén nos períodos baixos, soben e baixan a un e a outro lado centos de persoas. E así xa te afás a ver as enormes diferenzas que existen entre uns días e outros. Por exemplo, a principios de febreiro, voar dende Xenebra a Santiago estaba a 632 euros o vindeiro 18 de abril, empezando a Semana Santa, unha data fundamental para tantas familias. Pois onte xa estaba a 424: máis de 200 euros de diferenza en apenas un mes.
E así, a diario, con tarifas en días soltos que ás veces non chegan nin aos 20 euros (son peladas, sen maletas nin opción a escoller sitio ou prioridade), e outras que poden chegar ata os 900, como xa ten pasado. Para min, isto, que ás veces valoramos como anecdótico, é unha das maiores transformacións vividas nos desprazamentos para a vida emigrante. Os da vella escola, dos sesenta, setenta e oitenta, sempre che lembran cando apenas había voos directos, usaban case sempre a vía de Madrid ou Barcelona (ou o coche!), e pagaban como mínimo por billete cen mil pesetas. Outros tempos, en todos os aspectos. Pero no autobús, non: dende A Coruña a Xenebra, con rutas de 30 ou 40 horas, e case imposible baixar dos cen euros. Iso si que non o vin vir.