Agardar

María Pazos TRIBUNA ABERTA

CARBALLO

29 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Costa da Morte. Canta beleza unha pode atopar nela. Carreiros entre penedos meigos, sendeiros que conectan faros ou cantís en orquestra cun mar bravo que chora naufraxios. Cada terra é terra por quen a cría. Quen a habita, a súa voz. Porén, parece vivirmos en tempos nos que se lle di ao pobo como pensar, que se algo cumpre a lei, nada se debe obxectar, e que poñer en dúbida a aprobación de tal unha ou outra cuestión é «faltar á honorabilidade dos técnicos» que a analizaron. Todos sabemos que os papeis só son unha fotografía estática dun proxecto vivo. O pasado mércores día 19, esixía Fernando Riopa, director xeral de Cobre San Rafael, «una legislación que esté muy clara, que no vengan con la presión social y un proyecto se venga abajo». A quen se lle ocorre! Como vai opinar o pobo? Que auténtico desprezo se nos ten. Señora Ángeles Vázquez, dígame como confiar nos estritos protocolos de seguimento ambiental da Xunta se no corazón da Costa da Morte, concello de Vimianzo, seguen os miles de anacos, esparexidos polas dúas ladeiras do lendario Monte Faro, dun eólico que rebentou hai xa máis dun ano?

Como confiar, se no pasado decembro outro aeroxerador vimiancés, neste caso doutra empresa, lanzaba polos aires, no lugar de Tines, unha pa de máis de 80 metros de lonxitude? Pasando o venres por este concello, causoume estupor ver xa en funcionamento este último, cinco anos atrás anunciado como o máis potente de España, permanecendo o do Monte Faro igual ca hai doce meses. A diferenza atopámola en que detrás dun existía unha grande perda económica por ser de recente construción; mentres que detrás do outro, cun beneficio máis que acadado logo de 23 anos, non hai présa por arranxar o desastre ambiental, preferindo agardar, intúo, ata os labores de repotenciación. Goberno ou oposición, ambos monicreques do vento, non nos roguen confianza.