
En primeira persoa | Escribe a docente Fina Paulos | Entrei no sistema público mediante substitucións. Foi unha etapa dura na cal tiven que deixar un bebé de cinco meses ao coidado dos avós de domingo a venres
06 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Dende moi nova souben que a educación tería un papel fundamental na miña vida. De familia humilde, o esforzo e o traballo serán valores esenciais, valores que se empezan a forxar de nena e que continúan sendo un piar imprescindible hoxe en día.
O meu primeiro contacto coa docencia foi case por casualidade: eu son da EXB e nos veráns daba clases particulares aos meus veciños para poder pagarme a excursión de fin de curso. Iso acabou converténdose nunha das miñas maiores paixóns.
Desa época gardo lembranzas moi bonitas, que me marcarán de por vida: Manolo, o conserxe, sempre rodeado de nenos, xogando e ríndose connosco. Aparecen os primeiros profesores que espertan en min o interese pola docencia, profesionais que imparten as clases con verdadeira paixón, que a gozan e que fan que adore as súas sesións, que namore das matemáticas, das ciencias... Serán os meus referentes e quero ser coma eles.
Sempre me gustaron as ciencias, pero tamén as letras, e encantábame explicarlle aos meus compañeiros e resolverlles as dúbidas.
Empezo o meu labor como docente nas academias, onde me atopo con alumnado de todas as idades e perfís, con inquedanzas moi diferentes, pero todos cun denominador común: «Querían aprender para medrar». Ese período foi clave para min, porque me ensinou que non hai unha única maneira de aprender nin de ensinar. É o noso labor como docentes traballar cun alumno diverso e cunha mochila da vida única.
Seguir progresando
Esta nova etapa supón certa independencia económica e unha sensación de liberdade moi gratificante para seguir mellorando e aprendendo. Atopo aquí o que realmente me fai feliz, pero necesito seguridade: quero aspirar a algo máis, non quero quedarme aí, non podo conformarme con iso, e decido matricularme na UNED cursando a carreira de Enxeñería Informática. Confeso que houbo momentos moi duros pero o obxectivo estaba claro: había que ter unha carreira para poder seguir avanzando, tiña ganas, só debía que quitarlle horas ao sono e non me importaba canto tempo me ía levar, a miña vontade era ser profesora e pelexaría por iso.
Entro na educación pública cunha substitución á que seguirán outras e que me suporán deixar unha bebé de apenas 5 meses ao coidado dos avós dende o domingo ata o venres, unha época verdadeiramente dura, moi dura, sobre todo cando chega o venres e atopo á miña filla mirándome e pensando: «Quen é esa muller que se achega?». Pero o meu pensamento sempre era: «Son túa nai, unha nai que se está perdendo a túa infancia por cumprir un soño que che vai permitir, miña filla, poder estudar o que queiras o día de mañá».
Un soño cumprido
Aprobo a oposición. Incrible! Tanto sacrificio mereceu a pena. Conseguino!
«Como quero ser como profe?» Non sempre é doado, pero quero que a miña entrada na clase sexa triunfal, teño que conseguir que as miñas queridas «fanequillas» obteñan as ferramentas necesarias para triunfar na vida, para acadar os seus soños, para ser felices.
É necesaria unha alta dose de creatividade, de curiosidade, autonomía e entusiasmo; xunto con espírito crítico, colaboración, desenvolvemento persoal, respecto e moita empatía, ademais dun longo etcétera de valores, para traballar cun grupo de persoas en formación, que nadan na diversidade e que, mediante estratexias innovadoras, precisan aprender. É necesaria unha aula inclusiva que responda á realidade dunha aprendizaxe educativa e única do alumnado que sexa capaz de motivar.

Intelixencia artificial
Nos últimos anos, a miña vocación pola educación lévame a explorar novas formas de ensinanza, especialmente no ámbito da Intelixencia Artificial (IA), o que me leva a escribir, xunto co meu compañeiro Óscar Rey, o libro Intelixencia Artificial para a sociedade, o primeiro escrito en galego, co que pretendemos acercar esta apaixonante tecnoloxía a toda a sociedade. A atención á diversidade, a inclusión e a formación integral do alumnado son algúns dos valores que forman parte do noso traballo por proxectos.
Máis que buscar recoñecementos, o que realmente me motiva é ver como o alumnado se implica e goza na aula dun espazo para crear, experimentar e, sobre todo, crer nas súas propias capacidades. A aula debe ser sempre un espazo seguro.
O mellor premio
A educación non é unha carreira individual, senón un camiño compartido. Eu simplemente intento poñer os medios para que cada alumno poida construír o seu futuro, sabendo que o esforzo e a dedicación sempre dan os seus froitos.
Non hai nada máis satisfactorio para un docente que ver ao seu alumnado acadar as metas propostas. Nese momento é cando nos damos conta de que todo o esforzo pagou a pena. E iso, sen dúbida, é o maior premio que pode recibir un docente.
DNI. FINA PAULOS LAREO
Nacida en Bergondo, aínda que veciña de Oleiros, Fina é Enxeñeira Técnica en Informática de Xestión pola UNED. Actualmente dá clase no instituto Maximino Romero de Lema de Baio na especialidade de Informática, máis tamén colabora co Centro de Formación do Profesorado de A Coruña e Lugo, así como co Centro Autonómico de Formación e Innovación. En dúas ocasións estivo ás portas de ser a mellor docente de España nos premios Educa Abanca, primeiramente na categoría de FP (2018) e, máis recentemente, en Secundaria e Bacharelato (2024). É a coautora dos libros 50 historias de éxito docente e Intelixencia artificial para a sociedade e participou en proxectos de innovación tecnolóxica con alumnos.