Pulmóns invisibles e refuxios emocionais

Ricardo García Mira

CARBALLO

ANA GARCIA

Pulmóns verdes na Costa da Morte | A experiencia que aporta a ciencia ao deseño de solucións verdes coincide no papel que desenvolven non só na oxixenación da cidade, senón no fortalecemento dos lazos veciñais

20 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A urbanización acelerada e a densificación teñen xerado desafíos sociais e ambientais considerables, coa conseguinte degradación, aumento do estrés e redución de espazos de convivencia. Promover políticas verdes, parques e zonas de esparexemento é unha boa resposta ao desafío da adaptación aos impactos máis negativos da mudanza climática. Unha oportunidade para axudar a facer unha transición cara a sostibilidade e maximizar os beneficios que emerxen en termos de benestar, cohesión social, saúde e seguridade.

A experiencia que aporta a ciencia ao deseño de solucións verdes coincide no papel que desenvolven non só na oxixenación da cidade, senón no fortalecemento dos lazos veciñais, favorecendo contacto e mellorando a cohesión. A investigación demostra que a existencia de espazos verdes en contornas residenciais mellora a capacidade para construír consenso en torno a valores comúns e normas, aumentando a resiliencia dunha comunidade para resolver os seus propios problemas. Hai evidencia que apoia que os espazos verdes se asocian a maiores sentimentos de seguridade. Por unha parte, reducindo o medo ao delito e creando contornas máis seguras. Por outra, reducindo a fatiga mental, precursora da agresividade, en todos os seus compoñentes: a capacidade de procesar a información, o aumento da resposta emocional de irritabilidade, e a redución da capacidade de control dos impulsos.

En tempos onde a desconfianza e o illamento dominan a vida urbana, os espazos verdes están a cumprir un novo papel, ao ser catalizadores de cohesión social, seguridade cidadá e saúde mental pola súa capacidade restauradora de benestar psicolóxico e de redución da ansiedade e da depresión. A súa presenza é vital. Non son só adornos estéticos para facer bonito, senón pulmóns invisibles, refuxios emocionais e mesmo lugares de resistencia fronte á degradación.

Non estaría de máis que os valoráramos non só como parques, senón como infraestruturas críticas para a saúde, o benestar e a seguridade.