Comezo do Carballo Interplay e outras citas para este 24 de abril 

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

Martina Miser

Axenda diaria | O patrulleiro Tabarca, da Armada, poderá visitarse hoxe en Camariñas

24 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Máis alá das actividades do Día do Libro, outras citas hoxe na Costa da Morte:

Carballo • Festival de contidos dixitais • Ás 10.30 horas, no mercado municipal, cunha sesión especialmente dirixida a alumndo de institutos, botará a andar hoxe a 12.ª edición do festival de contidos dixitais. Haberá programación mañá e tarde, rematando cun espectáculo de sketches na Xamonería (22.30). A programación (carballointerplay.com) concentrarase no mercado, mais tamén haberá unha cita para público miúdo na biblioteca: proxección de Bibopalula, ás 18.30 horas, con inscrición previa.

Carballo • Xornada Cultural na Escola de Idiomas • Entre as 10.30 e as 20.00, no Pazo da Cultura, será completa a Xornada Cultural programada hoxe para o seu alumnado por docentes da Escola de Idiomas. A través de diversas actividades, que van do baile ás visitas guiadas, as charlas e mesmo as degustacións, uns e outras aprenderán máis conxuntamente de alemán, francés e inglés.

Oza (Carballo) • Plenario-foliada de Queremos Galego • No centro social, ás 20.00 horas. A plataforma de entidades en defensa da lingua Queremos Galego convocou para hoxe un plenario-foliada para perfilar a manifestación-foliada nacional que terá lugar o 17 de maio en Compostela. A cita está aberta a quen queira tocar, preludio das Letras.

Camariñas • Festas de San Xurxo e visitas ao patrulleiro Tabarca • Pasarrúas con charangas e grupos de gaitas, misa ás 13.00 e procesión. Sesión vermú e verbena coa orquestra Fuego. Doutro lado, o patrulleiro Tabarca, da Armada, recalará hoxe no porto camariñán: o buque poderá visitarse de 10.30 a 13.30 de 15.30 a 18.30.

Ponteceso • Doazón de sangue • Dúas paradas da unidade móbil, a primeira en Pazos, diante do local parroquial (de 16.00 a 18.00), e a segunda en Corme, na praza da Ribeira (de 18.15 a 21.00).

Zas • Fin de prazo • Zas acollerá este sábado a súa primeira Ruta Cabalar. Os interesados teñen hoxe como último día para inscribirse: 619 909 858 (Sara).