Barcelonistas e madridistas

Vicente de Lema ONDA MAINA

CARBALLO

30 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A imaxe dos xogadores do Barcelona facéndolle o domingo xa de madrugada o corredor aos subcampións do Madrid foi unha das máis fermosas que se teñen visto no mundo do fútbol nos últimos tempos. A deportividade por enriba de todo. Un exemplo. Cadra que unhas horas despois, a Peña Barcelonista Irmandiña de Vimianzo levou a cabo un percorrido pola Ruta das Alvarizas do monte Faro. Eran 35 persoas as que se interesaron por ver un conxunto de ducia e media de antigos apiarios, unha auténtica alfaia etnográfica da capital soneirá. A iniciativa tería importancia en si mesma polo feito da visita a un patrimonio único na bisbarra e incluso en Galicia. En realidade, moitas das persoas que alí participaron non eran intensamente afeccionadas ao fútbol. O máis curioso é que unha parte dos expedicionarios son de relixión merengue. Ao fronte da proposta estaba Maica Suena, integrante da directiva da Peña Irmandiña, e de dar as explicacións sobre o valor dos apiarios, o seu funcionamento, os labores e o valor dos produtos saídos das colmeas, a comparanza con outros conxuntos semellantes de Irlanda ou na Bretaña encargouse Carmen Toba, que o ano pasado publicou o libro A cultura do mel na Costa da Morte. Non entanto, houbo outro detalle sobresaínte na xornada. Manuel Oanes, que foi quen desenterrou de debaixo da maleza a moitas das alvarizas do monte Faro, localizador de moitas delas e un trotador incansable dos bosques foi quen guiou ao grupo. E Manuel, con gran dor de corazón, madridista confeso, acudiu ao compromiso horas despois de perder unha final.