Letras Galegas en Cee e Coristanco: aí vén a gran cita da oralidade galega

La Voz

CARBALLO

Icía Varela e Xosé Manuel Varela, autores do libro «Cantareiras»
Icía Varela e Xosé Manuel Varela, autores do libro «Cantareiras» BASILIO BELLO

A presentación do volume «As Cantareiras» marcará mañá o inicio da programación ceense

06 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Achéganse as Letras Galegas, e os actos conmemorativos por esta efeméride comezan a copar as axendas culturais na Costa da Morte, máxime nun ano tan especial no que varias cantareiras da comarca serán as homenaxeadas. Neste sentido, o Concello de Cee vén de anunciar a súa programación, e en Coristanco deron a coñecer os detalles do acto no que se desvelarán os gañadores do certame Asunción Antelo:

Cee

A programación municipal en torno ás Letras Galegas comezará mañá, mércores 7 de maio, coa presentación do libro As Cantareiras, de Icía Varela e Xosé Manuel Varela, para alumnado de quinto e sexto de primaria. Será ás 11.30, no auditorio Baldomero Cores.

Continuará o vindeiro 15 de maio, ás 11.30, co espectáculo Dende Rosalía ata as cantareiras, de A Xanela do Maxín. Será tamén no auditorio da Casa da Cultura e, ao finalizar, entregaranse os premios dos certames da biblioteca Francisco Mayán.

Para o propio día 17 hai previstas varias actividades, comezando ás 19.30 pola presentación do libro ilustrado Nao Cetácea, de Xosé Iglesias (biblioteca), e seguindo por un concerto da Banda de Música de Cee, ás 21.00 (auditorio Baldomero Cores).

Por último, a agrupación teatral da Universidade Laboral de Ourense interpretará o día 24 de maio a peza O soño dos vagalumes, inspirada na historia das irmás Maruxa e Coralia Fandiño, coñecidas como As Marías de Santiago (21.00, auditorio).

Coristanco

O Concello de Coristanco dará a coñecer, o vindeiro día 17, a resolución da décima edición do Certame Artístico Literario Asunción Antelo, no que participaron estudantes de distintos niveis educativos en categorías como a poesía, a narrativa, o cómic ou a expresión artística, entre outras. O acto central será ás 12.00, na Casa da Cultura, e ao rematar o Mago Teto presentará o seu espectáculo As nosas letras.

Actos do día

María Faltri continuará tanto hoxe como mañá levando o seu espectáculo musical Coa pandeireta na man polos centros educativos de Carballo. E en Malpica, na biblioteca municipal Eduardo Blanco Amor pode verse dende onte a exposición Canta que cadramos ben. Cantareiras: Poesía popular oral, dos equipos de dinamización da lingua galega da dirección xeral de Política Lingüística.