O ano no que a música mellor acompaña as Letras na Costa da Morte 

Santiago Garrido Rial
S. G. Rial CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

Cantometrics, este pasado venres no Pazo da Cultura de Carballo, durante o seu concerto «Efémeras»
Cantometrics, este pasado venres no Pazo da Cultura de Carballo, durante o seu concerto «Efémeras» BASILIO BELLO

O Consello da Cultura Galega escolleu Carballo como sede do seu Concerto das Letras, con entradas xa esgotadas. Haberá, ademais, moitas outras actuacións 

15 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Letra e música, como se di en moitas composicións: aí veñen xuntas. Este ano as Letras Galegas chegan cargadas (tamén) de actuacións, musicais como corresponde (non podía ser doutro xeito) para una celebración con tanto peso dos temas tradicionais, da tradición oral, dos cantos que se foron transmitindo xeración tras xeración. E máis aínda nunha comarca coma esta na que residían as homenaxeadas (municipios de Cerceda, Muxía e Malpica), e extrapolable a outras.

A oferta é por tanto moi ampla, centrada no sábado 17 e tamén no domingo 18, pero non só, xa que dende principios de mes (mesmo a finais de abril, en Carballo) houbo moito que escoitar, en varios casos, e tamén ata mediados de xuño, como ocorre en Malpica.

Sen dúbida ha de salientarse o Concerto das Letras Galegas 2025, titulado As cantareiras e a poesía popular oral. Cada ano o Consello da Cultura Galega únese á celebración en distintas vilas e cidades de Galicia, e vai ser en Carballo: once artistas da música tradicional, da popular e moderna conforman un espectáculo creado expresamente, cun repertorio que comeza e remata na Costa da Morte. Será mañá, venres, ás 20.30 horas no Pazo da Cultura, coa colaboración do Concello de Carballo, que xa leva moitos días poñendo en valor, e amosando, a música tradicional da man das agrupacións e cantareiras locais. O pasado día 3, case toda a xornada estivo dedicada a elas. E tamén o 10, coa Ruada das Cereixas de Arume e Berdillo.

En xeral, o sábado 17 será o gran día musical en varios puntos. Como en Cee, por exemplo, co seu Concerto das Letras Galegas, ás nove da tarde, no auditorio da Casa da Cultura. Coa Banda Municipal de Cee, e co coro infantil do Manuela Rial, os gaiteiros Alejandro Pérez, Mario Caamaño, Néstor Fidalgo e Fran Cives; as pandeireteiras Cabaleiras do Camiño, os bailaríns Iván Villar e Tomás Lagoa, a soprano Gemma Román e a Coral Polifónica Costa da Morte, todo un espectáculo.

BASILIO BELLO

Na Laracha hai que anotar sobre todo dous días: mañá venres, na Praza Les Sables d’Olonne (22.00), con Ailá e Cantigas & Agarimos, e o domingo, no mesmo sitio, coa música e baile tradicional de Santa María de Torás, Queiroga de Paiosaco, e Arume de Caión. En Vimianzo cabe destacar a cita en Pasarela, este sábado día 17, a partir das cinco e organizado pola Asociación de Veciños. Actuarán a Trubisquiña, Airiños do Río Grande, e Javi Sampedro e Suso Quinito, entre outras propostas.

E ademais...

Malpica. Este sábado 17 haberá unha ruada en Mens con Carcaxía, Malante, Do Rivés e Caamaño & Ameixeiras (21.00). E en Mens volverá a haber pandeiretas o luns pola mañá (10.00). Xa en xuño, o 15, un festival, con Aturuxo, de homenaxe ás pandeireteiras de Mens, no centro cívico.

Cerceda. Será o sábado cando actúen as pandeireteiras locais de A Xunqueira das Encrobas, ás 11 en no auditorio. E xa o venres 23, ás sete, o espectáculo sensorial e musical 586 Cantos, con imaxes e música en directo.

Muxía. Para a música tradicional, o día é tamén o 17, dende as seis e o Cabo da Vila, coa Coral Virxe da Barca, o Coro Tradicional Xacarandaina, as Abaladeiras de Muxía e Pandeireta Xacarandaina. E, ao remate, foliada. As Abaladeiras irán a Agranzón o 18.