A cadea

Vicente de Lema

CARBALLO

Teresa Lema, Prudencia, Manuela e Adela, retratadas nunha eira en Mens en 1982, nunha foto que forma parte do fondo da Agrupación Folklórica Aturuxo.
Teresa Lema, Prudencia, Manuela e Adela, retratadas nunha eira en Mens en 1982, nunha foto que forma parte do fondo da Agrupación Folklórica Aturuxo.

16 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Costa da Morte, capital das Letras Galegas. O berce de voces auténticas: As voces da terra. É o título do libro que este sábado publica La Voz de Galicia para achegar ao lectores a figura das persoas homenaxeadas pola Real Academia Galega. Malpica vai ser mañá o epicentro da conmemoración máis importante do ano da cultura galega. As cantareiras de Mens deixaron raíces profundas no mundo da tradición galega. Foron un exemplo e a cabeza visible de centos ou de miles de mulleres que formaron cada elo dunha longa cadea que une o principio dos tempos coa actualidade. Prudencia, Asunción, Teresa e Manuela, cos seus panos negros á cabeza, levaron o seu saber e a ledicia polo mundo adiante. Voces de ouro xurdidas do corazón do pobo. Elas, ao igual que Eva, Adolfina e Rosa, en nome e representación das canteiras que foron e son, trouxeron un tesouro de séculos ata os nosos días. «A raíz do toxo prende anque sexa no camiño», recolle Patricia Blanco en As voces da terra. A poesía oral das nosas cantareiras prendeu durante séculos e segue viva nas asociacións e agrupacións que día a día e ano a ano traballan por manter a abrirlle novos camiños á tradición. Na Costa da Morte hai ducias de exemplos de entidades que levan decenios con clases e formación para cantareiras de todas as idades. Froito deste esforzo de xente anónima é o agromar de músicas de gran talento e éxito tanto en Galicia coma fóra con nomes que están no maxín de todos. A semente das Vellas de Mens prende cada vez que a unha nena ou neno lle ensinan a tocar a pandeireta e a cantar. É a maneira de engadirlle elos á cadea de séculos. Que non pare.