Un proxecto que converterá o plástico non valorizable en mobiliario urbano

CARBALLO

Ecovoz | A empresa galega Coregal cumprirá trinta e un anos en setembro
19 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Coregal é unha desas empresas imprescindible para entender o impulso da reciclaxe que nos últimos trinta anos houbo en Galicia. Nada en setembro de 1994 e fundada por Cogami, este centro especial de emprego de iniciativa social da traballo a case 240 persoas na actualidade. O seu xerente é Antonio Pena.
—Coregal naceu en Santiago, pero xa chega a toda Galicia.
—Si, fomos crecendo e contamos agora con catro plantas: Carballo, Santiago, Boiro e a última, a máis moderna, en Mos. É unha empresa con dous pulmóns: un dedicado á xestión medioambiental integral das empresas, e outro á parte pública, a recollida de refugallos nos concellos.
—Veñen de combinar agora ambas ramas para participar nun proxecto no que colabora Sogama e que pretende converter os plásticos non valorizables en mobiliario urbano.
—Aínda está nunha fase inicial, digamos, de exploración e de ver como reacciona o mercado, sobre todo de parte das administracións, porque sen o seu apoio será imposible que funcione. Para demostrar que o produto funciona, fixemos inversión nunha serie de probas gratuítas que estamos dispostos a ceder.
—Como xorde ese proxecto?
—Nós tiñamos un problema co lixo de plástico urbano industrial, que vén mesturado e non vale para reciclar de forma térmica. Son 6.000 toneladas ao ano en Galicia. Entón, investigando e investigando, atopamos que Greenteco e Solteco tiñan propostas para facer mobiliario urbano con estes plásticos de refugallo, que se chaman, en colaboración con Fundiciones Rey, que empezou a fabricar tapas de sumidoiro con estes materiais. A partir de aí, fomos coñecendo máis proxectos aos que nos fomos ligando. O último é Gonvarri, que se dedica sobre todo a equipos de vías e que está desenvolvendo uns quita medos que ademais de aceiro leva partículas destes plásticos.
—Cada vez é algo máis expandido a nivel empresarial, pero dende o eido medioambiental sempre amosastes que o traballar en conxunto dá resultados.
—É parte da filosofía de Coregal e de Cogami. Somos unha empresa pequena e non temos o potencial para facelo todo. Dise no mundo dos negocios que é un win to win. Nós sabemos da recollida deses residuos, pero non temos nin idea de como fundilos ou transformalos en tapas de sumidoiros.
—É un proxecto do cal os 238 traballadores van poder ver o resultado nas rúas.
—Pois é algo que nos enche o peito. Aquí non hai I+D+I, aquí so hai un departamento de imaxinación, e aí participan todos e todas. E é moi gratificante falar con eles e coñecer a súa perspectiva, porque moitas veces teñen unha visión moito máis práctica de como facer algo que xente cunha enxeñería non a ten.