As Letras das cantareiras erguen as aulas da Costa da Morte en foliadas

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

Obradoiro de baile no IES Alfredo Brañas de Carballo
Obradoiro de baile no IES Alfredo Brañas de Carballo

Colexio Otero Pedrayo, IES Alfredo Brañas, CRA Nosa Señora do Faro ou o CPR Manuela Rial Mouzo viviron de xeito especial a celebración

22 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

«Unha gran foliada»: así reportan dende o colexio Otero Pedrayo da Laracha o xeito no que celebraron as Letras Galegas, cunha homenaxe ás cantareiras da Laracha e arredores. Os 600 alumnos e todo o profesorado participaron dunha festa na que colaborou a asociación Santa María de Torás levando bailes e melodías da zona que antes xa se traballaran nas aulas con obradoiros. A Laracha é terra de cantareiras, apunta o director do centro, Juan Manuel Ramos: algunhas aínda viven, outras non, dunhas coñécense os nomes, doutras non, mais a todas se lles agradeceu este legado que agora recollen os nenos, algúns bisnetos ou tataranetos. Todo o equipo docente, e particularmente a área de Dinamización da Lingua Galega, traballou arreo para esta cita.

«Ideouse poñer a bailar a uns 400 rapaces», informa do seu lado Alberto Liñares, mestre no instituto Alfredo Brañas de Carballo. Alí, na véspera das Letras, tiveron a visita de María Mourelle, de Santa Comba, e Teresa dos Cucos, de Malpica, dúas cantareiras que conseguiron espertar o interese dos mozos pola súa historia e polas diferenzas de vida dos seus tempos e destes. A xornada incluíu un obradoiro de baile con plena implicación dos docentes e non menos dos estudantes. Para iso, a colaboración da Escola do Alprende, Queiroa de Sada e Xiradela de Arteixo. «Foi fascinante como se implicaron os rapaces bailando», di Liñares. Rematou todo en foliada, «e unha gran cantidade de mozos deles coñeceron unha nova forma de divertimento». Aí está o milagre destas Letras.

«Vai por elas»: así titulou a súa homenaxe ás pandeireteiras, e particularmente ás de Mens, o CRA Nosa Señora do Faro. Foi este luns, cunhas 180 persoas participantes, entre a comunidade local e as chegadas de Aspronaga (A Coruña), San Luís Romero (Carballo) e Lenda (tamén Carballo). Con obradoiros, presentacións e ilustración ao fío da obra Cantareiras (Polo Correo do Vento), lecturas e incluso a merenda coordinada pola ANPA, encheron de vida todos os espazos de Mens e Asalo, e ademais coa sorte «dun sol de xustiza», explica a directora, Rosa Barreiro. A velada quedou enriquecida por familiares de tres pandeireteiras e as coplas duns e outros, tamén de docentes, conseguiron espertar o interese polo instrumento. Unha foliada con Teresa dos Cucos e Basilisa, ademais de Noelia Freijeiro e Suso Moreira á gaita, co Himno final, pechou unha xornada na que houbo intercambio de agasallos, pandeiretas en 3D. «Púxose en valor a cultura popular. Se elas soubesen a importancia que lles iamos dar, non o crerían. Mulleres duras, que traballaron arreo, oxalá que onde estean se dean conta de todo o que as valoramos», di Barreiro.

No Manuela Rial Mouzo

Por último, foi ben especial a celebración no colexio Manuela Rial de Cee, neste caso porque ademais de incluír bailes, representacións e actuacións, houbo unha lembranza para o bibliotecario José Ramón Rey Senra, Mon, no seu día alumno deste centro, falecido hai pouco. Agradecéronlle cun emotivo vídeo o seu traballo polas letras.