
O adestrador do Voladuras e Transportes Blanco CB Laracha analiza como chega o seu equipo a unha fase de ascenso esperaban xogar na casa
24 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Logo de proclamarse campión da Primeira Autonómica feminina de baloncesto, o Voladuras e Transportes Blanco CB Laracha terá que xogarse o ascenso á Primeira División, de carácter nacional, en O Porriño, sede do segundo clasificado. Unha decisión difícil de comprender por parte da Federación Galega e que sorprendeu ao Concello e a un club que, aínda que sexa lonxe da casa, quere rematar esta fin de semana festexando. Hoxe mediranse ao Allariz na semifinal (16.00 horas). O adestrador Sito Cabado falou onte no Voces de Bergantiños de Radio Voz.
—Como foi a semana, con que ánimo chegan?
—Só podemos mirar o lado positivo. E igual que nos quitaron o de celebrar a fase de ascenso, tamén o cartel de favoritas. E sen esa presión imos agora ao Porriño, con toda a ilusión e concienciadas de que vai ser moi difícil. Sabemos que somos como esa aldea gala que loita contra o gran imperio, pero as xogadoras teñen unha cabeza privilexiada e son unhas compañeiras marabillosas. Iso vai facer que quen nos queira gañar, sexa no Porriño ou noutro lado, vai ter que sacarnos da pista case con gasolina.
—Son rivais aos que xa superastes na liga. ¿Serán partidos parecidos?
—Nalgunha cousa si, pode ser. Contra Allariz ganamos os dous partidos por nove puntos, pero vai ser un choque moi táctico. O seu adestrador é veterano e sabe controlar moi ben os encontros, levándoos ao seu terreo. Eu estou seguro de que se as nosas xogadoras son capaces de pasalo ben, ganarán.
—Como planificades a viaxe?
—Pois colleunos tan por sorpresa o de non organizar nós a fase, que case que tivemos que improvisar a última hora. Ademais tocounos o peor horario posible, por casualidades do sorteo. Xuntarémonos en Santiago para comer e logo xa tiraremos para o pavillón. E mañá, dependendo se xogamos polo bronce ou a final, xa veremos. O que si é seguro é que mañá haberá un autobús para a afección grazas ao Concello, que constatou o moito que apoia ao noso deporte nestas últimas semanas. Estamos moi agradecidos.