O mar sempre cobra rendas

X. Pampina

CARBALLO

.

26 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte pola tarde soaron as alarmas. Unha nova traxedia pon de loito a unha familia da Costa da Morte. Un home que saíu nunha moto de auga a dar unha volta pola ría de Camariñas atopou a morte sen que se saiba como se desenvolveron os acontecementos. Unha nova vítima do noso mar, que sempre está á espreita para cobrar rendas polo goce e aproveitamento que os humanos facemos del. Cando non é por unha cousa é pola outra, o noso océano aproveita para levar a cabo o seu papel de asasino. A mellora xeneralizada dos medios de salvamento, as normativas que impiden saír a pescar de calquera xeito e a calquera hora, o dispositivo de separación de tráfico marítimo, a vixilancia que se establece, os novos equipamentos das embarcacións e a formación da poboación que fai labores extractivos e similares melloraron as condicións e evitan os accidentes que eran habituais ata non hai moito tempo. Non era estraño que con ocasión de calquera temporal, ou aínda sen el, e cada pouco, se producise unha traxedia, con afundimentos de embarcacións coas súas correspondentes mortes, ás veces de varios membros dunha mesma familia. Afortunadamente pasaron eses tempos, pero nunca se está libre dun accidente no mar. Calquera descoido ou avaría pode dar lugar a traxedias como as que están na mente de moitísimos veciños da Costa da Morte. Malia as melloras técnicas e humanas, de vez en cando hai algún sinistro con perda de vidas humanas. É o caso de onte. Unha saída, en teoría para gozar das augas atlánticas, acaba do peor xeito posible. Unha nova vítima a engadir á longa lista deste mar ladrón.