
Foi esta fin de semana a de san Antón, moi venerado noutros tempos, por diversos motivos. Na Agualada, en Coristanco, bendicían o pan e os animais. Agora xa non hai xente que leve o gando á corda para recibir a auga bendita do crego, pero mantéñense moitas tradicións. Este ano chamou a atención a procesión dos fachos, un ritual que atrae o interese dos fregueses pola súa espectacularidade e o sentimento místico que esperta en quen a pode ver. Os curas novos da bisbarra parece que lle dan moita importancia a este tipo de rituais e cerimonias para atraer de novo os devotos aos templos. Está sendo común dende hai uns anos que as celebracións adquiren especial grandiosidade, teatralidade, espectacularidade e solemnidade. Vese ano a ano na Semana Santa e repítese agora co Corpus e a proliferación de alfombras florais. Volvendo ao san Antonio, que era unha das celebracións de grande goce decenios atrás, quedou agora un tanto afogado con respecto aos grandes acontecementos festeiros do verán. En Baíñas celebraron o san Antoniño. Escoitei ao respecto onte un dito. Nunha ocasión, o crego de Baíñas agochou no medio dunha leira de millo a imaxe de san Antoniño porque unha parte da poboación non quería pagar as cotas que lle podía. «San Antoniño de Baíñas, aparecede vós, que os dezmos pagámolo nós», andaban pregando os fregueses para que aparece o santo e poñer fin ao que consideraban castigo divino, a desaparición do seu patrón. Andaron e andaron, hasta que os rapaces atoparon a imaxe no medio do cereal. Logo, houbo festa rachada.