A felicidade é un estado transitorio de euforia ou é a ausencia de novidade na fronte, a carencia de dor funesta? Esta pregunta daría para un ensaio longo e tendido propio de grandes filósofos e psicólogos. Eu creo que a felicidade é un estado que só se bota en falta cando non existe e diso, queridos lectores, sei moito. A miúdo non sabemos canto queremos a alguén ata que desaparece das nosas vidas como a estela dun cometa que xamais volve cruzar o ceo. O tempo ralentízase, o peito doe, as horas parecen transos infinitos e a cabeza dános voltas coma unha atracción de feira infinita. A ciencia di que é síndrome de abstinencia, déficit de dopamina, pero eu creo que é coma se nos cravasen unha vara fervendo no corazón mesmo. Mais todo pasa, por moi difícil que sexa, a dor atenúase, os recordos dilúense e aqueles que non están adquiren unha dimensión diferente. Aventuro que algunha das persoas que le estas liñas se sinte perdido na mesma desolación, nun proceso de dó. Hai saída, ás veces non se ve, o futuro parece unha mole opaca que o enche todo de borralla. Confiar, falar do que nos fai dano, compartir momentos con quen nos quere e aprender a perdoarnos. Nin máis, nin menos. Non hai máis panaceas posibles nin remedios máxicos. Só se pode saír dun pozo se temos a suficiente forza de vontade para facelo e, a cotío, iso é o máis difícil. Non é cuestión de valentía, non todos temos a enteireza suficiente para sobrepoñerse aos problemas. Coido que a xente que nos rodea é unha peza chave para facernos fortes nos momentos nos que o medo nos asoballa. A verdade máis grande do mundo é que nada é para sempre, así como unha tormenta nunca mil anos durou, tampouco a felicidade xamais foi redonda.