
A regueifeira é a persoa elixida pola organización para conducir a cuadraxésima edición do festival, que se celebrará en agosto
26 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Agosto • Nun ano especialmente simbólico para a música tradicional, con esas Letras Galegas dedicadas ás cantareiras, a Festa da Carballeira de Zas sumarase ás conmemoracións cun xesto sen precedentes nos seus corenta anos de historia: tódolos concertos desta vindeira edición estarán protagonizados por mulleres para recoñecer, así, o papel «esencial» que estas xogaron na «transmisión, renovación e internacionalización da nosa música», explican dende a organización.
Esta cuadraxésima edición será «unha homenaxe aberta á forza, creatividade e compromiso das mulleres coa cultura galega», unha homenaxe que se estenderá tamén á figura elixida para presentar o festival. Non será outra que a regueifeira coristanquesa Lupe Blanco, de quen destacan a súa «impecable» traxectoria no eido da improvisación oral e da música tradicional.
Creadora do proxecto Regueifandopolavida, directora da primeira Escola da Regueifa de Carballo, formadora en innumerables talleres escolares e tres veces gañadora dos Premios Galegos da Regueifa, convocados por La Voz, a coristanquesa confésase emocionada por tal honra: «A Carballeira é unha festa de referencia para min á que levo acudindo dende hai máis de vinte anos. Comecei indo a tocar e a bailar de nena, fun cos amigos como espectadora e cheguei a acudir tamén como regueifeira (o cal xa foi un soño), pero ter o privilexio de ser a presentadora é unha fantasía para min. Todo se confabulou para que, por enriba, estea rodeada de compañeiras e amigas ás que admiro profundamente», explica a improvisadora.