O milagre da Santa

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

ANA GARCIA

21 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un milagre que se produce cada 26 de xullo sen falta en Muíño, Zas. Sen dúbida, é a romaría de Santa Margarida, que dende hai séculos reúne a diferentes xeracións arredor dunha carballeira frondosa e, se me permiten, diría que ata onírica. Durante esta fin de semana, puiden gozar do novenario que ofrecen na Capela da Santa. O Zas profundo, cheo de verde, de paraxes de conto de fadas. Hai algo que sorprende, o ambiente festivo e de comunidade que envolve a fregueses e visitantes nas tardes de novena. A fe que irradia un lugar único, onde a misa se fai con guitarra e coa voz de tan fermosas mulleres que entoan cantigas marabillosas nun lugar singular. Respírase ambiente de paz e serenidade no pequeno templo e en vésperas da gran festa é un pracer tamén sentir o recollemento dos actos sacerdotais que imparte don Javier. Un sacerdote ao que lle gusta conciliar entre parroquias irmandadas. Coido que esta é outra das finalidades da Igrexa, xuntarnos como sociedade nuns tempos onde cada día vivimos máis conectados nas redes sociais e menos na vida real. Este ano a Santa, que xunta novos e vellos, cadra a sábado. Non o perdan. Hai moita xente, coma os irmáns Vecino e a comisión de festas, que traballan todo o ano para ofrecer unha festa como non hai outra. Unha festa humilde pero chea de afluencia. Ademais, a Santa é milagreira, a auga da súa fonte é bendita e a comida ao redor do agro ese día, sagrada. Unha xornada ideal para comer en familia como facían antano os nosos avós. Eu non falo máis. A Santa hai que vivila. Sentila. Pasar por Muíño é de recibo. Que non cho conten. De eiquí en un ano, que todos nos vexamos. Se é na Santa Margarida, mellor que mellor.