O eclipse de 2026 na Costa da Morte, que será tal día coma hoxe

Jorge Mira Pérez
jorge mira CATEDRÁTICO DO DEPARTAMENTO DE FÍSICA APLICADA DA USC

CARBALLO

Eclipse solar de hace diez años
Eclipse solar de hace diez años Ana Garcia

Conta atrás para un fenómeno astronómico que dividirá a comarca

12 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

De hoxe nun ano España sufrirá unha espectacular febre astronómica. Será o punto ideal no mundo para a observación da eclipse total de Sol que terá lugar o 12 de agosto de 2026. Prodúcese porque a Lúa se interpón entre nós e o Sol. O tamaño aparente dos discos de ambos astros é moi parecido, o cal fai máis aparatosa a carambola cósmica.

Vai ser só un instante, pero lembren a tolemia que houbo o ano pasado nos EE.UU. para observar o que pasou por amplas zonas do seu territorio, e que foi contemplado directamente por uns 50 millóns de persoas.

Por que esa fascinación? Porque é impactante ver o día transformado en noite de golpe e, sobre todo, porque somos conscientes de que é unha experiencia que só se produce unha vez na vida. As eclipses de Sol son relativamente frecuentes, levamos xa 15 totais e 18 anulares no século XXI (a anular ocorre cando a Lúa está afastada dabondo como para que o seu disco se vexa máis pequeno, de xeito que non dá tapado o Sol totalmente), pero é moi difícil que nos pase de lado da casa. Fíxense: a última vez que se viu unha en Galicia foi en 1912, e a seguinte despois do de 2026 non volverá a ocorrer ata o ano 2180. Polo medio haberá un anular en 2082.

A franxa para observalo terá uns 400 quilómetros de ancho, pero curiosamente a fronteira sur desa franxa pasa xusto pola Costa da Morte, partíndoa diagonalmente en dous polos concellos de Zas e Cabana de Bergantiños. Así, a zona norte do noso territorio será a que experimente a escuridade total, pero mellor canto máis ao norte. Se estamos moi cerca da fronteira da eclipse, verémola pouco tempo. Na Carballa (Cabana) ou Budián (Zas) durará só 1 segundo, en Ponteceso 13 segundos, en Coristanco 33, en Carballo 45, en Malpica 49 e na Laracha 54 segundos. Dentro do destino Starlight da Costa da Morte o concello da Laracha será o mellor lugar e, dentro del, Caión: alí a totalidade da eclipse durará un minuto e dous segundos.